O Arde Lvcvs Cvltvral desenvolverá medio cento de actividades durante o mes de maio e xuño, accións que serán o preludio dun Arde Lvcvs aínda que, por motivos da pandemia, manterá un perfil afastado dos grandes fastos que atraían todos os anos a miles de visitantes.

Nesta nova edición, organizada dende a área de Xuventude do Concello de Lugo en colaboración coas 19 asociacións de recreación histórica da cidade, as accións lúdico culturais volverán ser abertas e gratuítas e, seguindo os pasos do 2020, debido as restricións fixadas polas autoridades sanitarias pola covid-19, diminuirán as presenciais e impulsaranse as de carácter online. “A programación, que pechamos con todas as asociacións romanas e castrexas que lle dan vida ao Arde Lvcvs e onde elas serán as protagonistas, compaxinará o virtual co presencial, e non defraudará en ningún dos casos”, destacou Mauricio Repetto, concelleiro de Xuventude.

Este ano, no ciclo de cine arqueolóxico, que terá lugar no Vello Cárcere, proxectarase ‘La Mujer en Cartago Nova’ (6 de maio, ás 20:00 horas); ‘El verdadero rostro de los galgos (13 de maio, ás 20:00 horas) e ‘Tutankamon, el tesoro redescubierto (día 20 de maio, ás 20:00 horas).

Os colectivos do Arde Lvcvs tamén organizarán diversos xogos, como os xogos romanos do taboleiro para todas as idades, que se desenvolverán na Casa da Xuventude, agás os dos pequenos, que será no Patio do colexio Divina Pastora.

Os obradoiros culturais serán protagonistas. Algúns serán presenciais como os que darán a coñecer como se realizaban as coroas romanas, as cotas de malla, como converterse en guerreiros, a linguaxe de signos sobre a simboloxía sexual da antigüidade, a elaboración de herbas e velas ou de reloxos de sol. E outros moitos a través de vídeos, nos que se aprenderá sobre ourivaría castrexa, cerámica galaica, vestimenta e cociña romana ou acuñación de moedas, entre outros.

Destacar, ademais, o ciclo de conferencias internacionais con Rosa María Cid, catedrática de Historia Antiga pola Universidade de Oviedo (no salón de actos da Deputación o 12 maio, ás 20:00 horas) e Annelise Freisenbruch, doutorada en Estudos Clásicos pola Universidade de Cambridge (no salón de actos da Deputación o 12 xuño, as 20:00 horas), así como as charlas culturais o 25 maio e os días 1,2 e 3 de xuño, e de expertos o 10 e 11 de xuño.

De novo, contarase cos paseos por Lugo con Paulo Fabio Máximo por distintos puntos da cidade, tales como a Muralla, Vía XIX, as Termas Romanas ou acueduto, e tamén polos xacementos arqueolóxicos.

Trebas Galaicas

Nesta edición, ademais, contarase cun aniversario especial, o da asociación Trebas Galaicas, que o celebrará no auditorio Gustavo Freire o vindeiro 8 de maio, ás 18:00 horas.

Concurso de fachadas e photocoll

O concelleiro de Xuventude repetirá outro ano o concurso de adorno de balcón e fachadas e o photocoll do Clan Breogán.

Neste momento, tamén está aberto o II concurso de relatos sobre a vida dun clan galaico.

Toda a programación pódese consultar na web www.ardelucus.com e seguir a través das redes sociais do Arde Lvcvs e do Concello de Lugo.