Bolsa da Fundación Pollock-Krasner para un docente do Campus de Lugo, Vicente Blanco Mosquera.
O artista plástico e docente da área de Didáctica de Expresión Plástica da USC na Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo vén de ser distinguido cunha das bolsas outorgadas por esta prestixiosa institución internacional con sede en Nova York, cuxo obxectivo pasa por axudar a persoas cunha traxectoria e méritos artísticos acreditados.

Blanco Mosquera concorreu a última convocatoria da Fundación Pollock-krasner cunha candidatura na que recolle a investigación artística na que está a traballar nos últimos anos, na que “exploro cuestións en relación aos cambios do territorio, da paisaxe e da natureza do mundo rural no que vivo”, comenta, para logo precisar que “esta investigación materialízase principalmente nunha serie de debuxos a lapis e acuarela de grandes dimensións”.

Satisfeito pola obtención desta bolsa, que supón para min “un importante respaldo económico e o recoñecemento dunha institución de gran traxectoria e prestixio no contexto do mecenado artístico, Blanco Mosquera adiantou que prepara tres exposicións ao longo dos próximos meses. Daquela, este artista plástico comentou que “este ano presentarei o meu traballo na Galería Silvestre, en Madrid, así como no espazo de creación artística Sirvent, en Vigo, e tamén na Galería Municipal de Porto, no marco dunha exposición colectiva na que tamén participa o artista e profesor na Facultade de Formación do Profesorado da USC Salvador Cidrás.

A achega económica outorgada pola Fundación Pollock-Krasner a Blanco Mosquera súmase ás preto de 5.000 subvencións xa concedidas por esta institución a artistas profesionais de 79 países desde a súa creación en 1985, data na que botou a andar a entidade posta en marcha grazas ao legado da pintora expresionista abstracta estadounidense Le krasner, viúva do tamén pintor Jackson Pollock. 

Vicente Blanco Mosquera Foto: Gab. Com. Univ.

As bolsas outorgadas pola Fundación Pollock-Krasner a artistas visuais, tanto pintores, escultores, ademais de creadores que traballan en papel ou grabadores, teñen unha duración dun ano e a súa contía varía en función das necesidades e do proxecto artístico de cada candidatura. Ademais, a súa concesión esixe ás persoas beneficiarias exhibir de xeito activo as súas respectivas creacións en espazos artísticos profesionais, tal e como poden ser as galerías ou os museos.