Concurso de vídeos sobre ciencia "Petiscos de ciencia" promovido pola Facultade de Ciencias do Campus de Lugo
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias do Campus de Lugo convoca, co apoio do SNL da USC o concurso de vídeos ‘Petiscos de ciencia’ co obxectivo de achegar a actividade científica á
mocidade, ademais de para favorecer a divulgación en lingua galega dos contidos do labor que desenvolve a comunidade investigadora.
O certame, que está aberto á participación do alumnado matriculado este curso en calquera das titulacións impartidas na USC, así como a estudantes de ESO, Bacharelato e Formación Profesional, repartirá 1.500 euros en premios entre as catro propostas máis valoradas polo xurado.
As propostas presentadas a concurso deben remitirse ao enderezo de correo electrónico fcdeca@usc.gal e teñen que estar aloxadas nunha canle de YouTube baixo licenzas Creative Commons.
Os vídeos serán en lingua galega, tanto nas expresións orais como nos elementos escritos, e a súa duración non pode ser inferior a 30 segundos nin superior a 90 segundos.
O prazo de presentación de vídeos inéditos e orixinais, que poden ser elaborados de xeito individual ou en equipos de tres persoas coordinadas por un docente, remata o 22 de abril de 2022.
Categorías
Unha aberta a propostas presentadas por alumnado de ESO, Bacharelato e Formación Profesional, e outra para estudantes universitarios.
O mellor traballo presentado en cada unha das categorías recibirá como agasallo unha gratificación en metálico de 500 euros, mentres que as segundas candidaturas máis valoradas en cada modalidade recibirán como obsequio 250 euros.
O xurado terá en conta a súa calidade técnica (imaxe e son), a corrección lingüística, a orixinalidade do vídeo, así como a veracidade dos contidos científicos. Anunciará as candidaturas gañadoras nas páxinas web da Facultade de Ciencias e do Servizo de Normalización Lingüística da USC.
A entrega dos premios desenvolverase o 20 de maio na Facultade de Ciencias do Campus de Lugo, no marco dunha sesión na que unha persoa de referencia no ámbito científico de Galicia ofrecerá un relatorio a importancia da ciencia na sociedade.