Cartel do Concurso de fotografía “Revelando o Machismo”

A área de Xuventude do Concello de Lugo busca remover conciencias cunha nova edición dos concursos de Deseño Gráfico e Fotografía «Revelando o machismo». O primeiro premio para ambos concursos é de 600 euros e os deseños gañadores serán utilizados pola Casa da Muller como imaxe dalgunha das súas vindeiras campañas.

No de deseño gráfico, os traballos de tamaño e técnica libre, deberán ser presentados en soporte ríxido para facilitar a súa posible exposición. Sendo requisito indispensable que figuren os logotipos do Concello e da Casa da Muller xa que será esta quen o empregue como imaxe das futuras campañas que desenvolva. Se valorará, específicamente que os deseños contribúan á prevención da violencia de xénero, especialmente nas persoas novas, destacando valores positivos como o bo trato na parella.

Pola súa banda, no certame de fotografía, as imaxes deberán ter un tamaño de 20×30 centímetros como mínimo e 40×50 centímetros como máximo e será obrigatorio presentalas sobre cartolina branca ou cartón ríxido de 50×70 centímetros, cuxo grosor non exceda de 1,5 centímetros. Admitiranse traballos tanto en branco e negro como en cor e o soporte de presentación das mesmas será en papel tradicional, analóxico ou químico.

As obras terán que ser presentadas, baixo lema, de maneira anónima, e ir acompañadas doutro sobre adxunto, pechado e co mesmo lema, onde se indiquen os datos identificativos da persoa participante, tendo como prazo máximo para entregalas ata as 13 horas do próximo 19 de febreiro, na Casa da Muller

Para máis información, os datos dámbalas dúas convocatorias poden consultarse na páxina web www.lugo.gal, na Casa da Muller, no teléfono 982.29.74.12 e no enderezo electrónico cmuller@concellodelugo.org.

Presentou aos medios os concursos:  a concelleira de Muller, Igualdade e Xuventude, Ana González Abelleira. 

OUTROS ARTIGOS:

Fallados os premios do VII Certame de Fotografía Revelando o Machismo