XAN 2017 A área de Cultura da USC no Campus Terra de Lugo mantén aberto o prazo de matrícula no módulo de iniciación á cinematografía ata o 23 de xaneiro

Impartido polo cineasta Bruno Máez, está destinado a persoas que queiran iniciarse no mundo da dirección de fotografía, ou ter unha idea xeral das tarefas que se levan a cabo no departamento de imaxe nunha rodaxe.

 

Esta acción formativa pretende responder a cuestións tales como que é un director de fotografía; cales son as funcións do departamento de imaxe nunha produción audiovisual; que material é necesario para poder facer calquera produción audiovisual; ou de que ferramentas dispoñemos para poder contar unha historia con luz.

 

Bruno Máez ten gañado relevantes galardóns como cineasta tales como o Premio Nacional de Educación de Enseñanzas Artísticas Profesionales, mellor dirección de fotografía en The 48 Hour Film Project, e ten sido finalista na XII edición dos premios  Mestre Mateo e seleccionado para o XI festival de Cans (2014) e o festival Cinemacurtas 2013, entre outros. O seu último traballo, «Amanece Despejado» está a percorrer o mundo e ven de ser seleccionado para o Festival de Cine de Ciencia Ficcion Philip K. Dick, que se celebrará entre o 22 e o 25 de febreiro en Nueva York.

As clases terán lugar os días 27 e 28 de xaneiro e o 3 e 4 de febreiro en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas na Casa do Saber.

Tamén está aberto o prazo de matrícula no Taller de Fotografía Dixital 2, obradoiro dirixido ás persoas que xa cursaron o Taller 1 ou teñen uns coñecementos medios de fotografía dixital. Neste obradoiro teórico-práctico profundarase nas configuracións avanzadas das cámaras dixitais e tratarase con detalle o tema das ópticas máis axeitadas para cada tipo de fotografía.

Esta acción formativa, impartida polo fotógrafo Fernando Gago, celebrarase cada martes e xoves entre as 19.00 e as 21.00 horas na aula de informática da Facultade de Formación do Profesorado, comezando as clases o 1 de febreiro e rematando o 15 de marzo de 2018.

Nas distintas sesións, dedicarase un apartado á fotografía nas redes sociais, a como configurar as fotografías para subilas a Facebook, como realizar marcas de auga, ou como manexar os ficheiros Exif, entre outros. Ademais, ampliaranse algúns dos temas xa impartidos no Taller 1, e abordarase o ruído dixital, a súa corrección e como evitalo. Finalmente, estudarase a fotografía HDR e profundarase na linguaxe visual.

A segunda parte do obradoiro consistirá na práctica de edición de fotografías co programa Adobe Photoshop, afondando en técnicas máis avanzadas como a maquillaxe dixital, o virado, a realización de panorámicas e o sistema avanzado de capas, máscaras e modos de fusión

A inscrición nos cursos poden realizarse na oficina de Cultura da USC no Campus Terra situada no segundo andar da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo, praza de Pío XII nº3, entre as 08:00 e as 15:00 horas, de luns a venres, ou a través do enderezo electrónico cultura.lugo@usc.es. Para máis información sobre estas actividades, pode contactarse coa oficina de Cultura nos teléfonos 982 821 511/13

Fonte da imaxe de cabeceira: imaxen libre de dereitos banco de imaxes «Unsplash»

COMPARTE ESTE ARTIGO NAS TÚAS REDES