A Área de Cultura da USC amplía durante o outono a súa oferta de actividades no campus de Lugo con dous cursos de fotografía Adra Pallón e Marcos Loopez impartirán un seminario de fotografía de rúa e social e Sabela Eiriz guiará un módulo formativo de fotografía co móbil.
As sesión formativas comezarán en novembro e desenvolveranse na Casa do Saber ou, no seu caso, de xeito telemático
A Área de Cultura da USC amplía durante o outono a súa a oferta de actividades formativas no Campus de Lugo coa celebración de dous cursos de fotografía, a través dos que as persoas inscritas poderán achegarse ao mundo da fotografía e adquirir os conceptos básicos para o correcto manexo dunha cámara fotográfica ou ben aprender a sacarlle o máximo rendemento á cámara dos teléfonos móbiles e a aproveitar todas as posibilidades de posprodución a través de programas de edición para o móbil.
O curso de fotografía co móbil, que será impartido pola creadora visual Sabela Eiriz, que tamén é titulada en Comunicación Audiovisual, ten unha duración de 12 horas, repartidas en catro sesións presenciais que se desenvolverán os días 31 de outubro, 7, 21 e 28 de novembro, en quenda de 11.00 a 14.00 horas.
Esta proposta formativa achegará ao alumnado as nocións a ter en conta para tomar fotografías co móbil e para optimizar o uso de todas as prestacións e axustes ofrecen estes dispositivos tecnolóxicos. A edición das imaxes captadas, xa desde o móbil ou xa desde outros programas de edición , e as súas posibilidades creativas completan os contidos dun curso no que tamén se traballará a fotografía de retrato, autorretrato e bodegóns e mesmo aspectos técnicos e creativos da fotografía de paisaxe e natureza.
Os lugueses Adra Pallón e Marcos Loopez impartirán a partir do 13 de novembro unha nova edición do curso de fotografía de rúa e social, un módulo formativo orientado a persoas con escasos ou nulos coñecementos de fotografía cuxas sesións presenciais se desenvolverán na Casa do Saber e na rúa todos os venres ata o 18 de decembro en quenda de tarde, de 16.00 a 20.00 horas.
O programa deste curso, que tamén se ofrecerá de xeito telemático se a pandemia impide a súa celebración presencial, contempla unha formación teórica inicial que permitirá ao alumnado participante coñecer as prestacións dunha cámara fotográfica. A estes contidos súmanse outros conceptos de carácter técnico e práctico, que os afeccionados á fotografía poderán poñer en práctica coa tema de imaxes na rúa.
A Área de Cultura da USC mantén aberta a inscrición nos dous cursos de fotografía, abertos á participación de membros da comunidade universitaria, pero tamén ao público en xeral. As persoas interesadas poden formalizar xa a súa matrícula na oficina da Área de Cultura da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo ou a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es .