En marcha o Certame de Videocreación 2024 do Lugo Cultural
700 euros en premios e obras de Mónica Alonso.
A sexta edición do Certame de Videocreación mantén aberta a súa inscrición ata o 30 de outubro.
As persoas participantes, maiores de 16 anos, poderán inscribirse de xeito individual ou colectivo.
A duración de cada peza audiovisual alcanzará un máximo de 5 minutos, incluíndo a cortina inicial e os créditos.
O prazo de envío das pezas esténdese do 5 ao 7 de novembro, ata as 13.00 horas.
Poderase enviar unha ligazón a calquera plataforma audiovisual, sempre e cando a peza participante sexa descargable e non estea en aberto, —garantindo que no momento da súa proxección sexa inédita— a través de WeTransfer a cultura.lugo@usc.gal.
O día 29 de novembro, na Casa do Saber, terá lugar a entrega dos tres galardóns que conforman o certame:
O Premio á mellor linguaxe visual e mellor comunicación audiovisual Araceli Herrero, está dotado con 300 euros, diploma e obra de Mónica Alonso. Neste caso, valoraranse especialmente os aspectos referentes á imaxe, dende a iluminación ata a dirección artística, así como a edición e posprodución de cada peza.
Gañará a proposta que abranga unha mellor relación de todos os aspectos comunicativos e expresivos, empregando conscientemente as diferentes ferramentas que as linguaxes creativas permitan.
O Premio Isidro Novo á mellor linguaxe literaria, dotado con 300 euros, diploma e obra de Mónica Alonso valorará especialmente os aspectos literarios da obra, nomeadamente aqueles referentes ao guión e/ou ao emprego da linguaxe escrita ou oral, no que o galego será preferente.
Finalmente o Premio do Público, 100 euros e diploma, outorgarase á videocreación que reciba máis votos o día da entrega de premios, para o cal cada unha das persoas do público terá á súa disposición a papeleta de votación, que se entregará antes do acto.
Promove: Lugo Cultural