Catro artistas galegas serán as protagonistas de Fiadeiras, unha actividade cultural e feminista da UNED Lugo
Fiadeiras achegaranos as experiencias e impresións de varias mulleres galegas que hoxe son referentes indiscutíbeis nos seus correspondentes campos de creación e/ou actividade.
Uxía Domínguez Senlle será a protagonista da primeira sesión, que terá lugar o xoves, día 21, ás 18:30, no salón de actos do centro.
FIADEIRAS terá lugar no Salón de Actos da UNED de Lugo con entrada de balde. Preinscrición en: https://extension.uned.es/actividad/36941&codigo=FIADE
21 de MARZO
Uxía é unha das figuras centrais da cultura galega e probabelmente unha dasmellores embaixadoras da música tradicional galega en todo o mundo, achegando ademais importantes contribucións ao espallamento da lusofonía. Leva décadas colaborando coas principais figuras da música e, ao tempo, desenvolveu unha incesante labor cívica e social en propostas que sempre promoven talentos emerxentes dende unha óptica
comprometida coa loita das mulleres.
12 de ABRIL
Antía Otero é unha das poetas de referencia da poesía galega e estatal e, ademais, é unha das responsábeis de Apiario, proxecto editorial de longo percorrido que se distingue pola calidade, o gusto e o rigor das súas publicacións.
Antía acumula tamén longa experiencia impartindo obradoiros en centros de ensino. Xa sexa como medio de aproximación á poesía, con monográficos sobre autoras/es específicas/os ou cunha serie de propostas
nas que se aborda o poético dende diferentes perspectiva
15 de MAIO
Idoia Cuesta (Outeiro de Rei, Lugo), fala do que ela denomina a súa linguaxe perfecta: a cestaría.
As súas pezas traspasan os límites da cestaría tradicional e utilitaria para converterse en creacións contemporáneas e únicas. Tamén da importancia que concede á formación continua, a tecnoloxía e a sinerxía con outros artesáns e deseñadores.
Aínda que se formou como bióloga e especializouse en zooloxía mariña, Idoia Cuesta sempre quixo estudar Belas Artes. Tras participar en cursos de tecido, descubriu a súa paixón pola cestaría no Centro de Artesanía e Deseño de Lugo, entre outros.
Traballa fusionando a cestaría e o téxtil, a partir de técnicas tradicionais de tecido. Realizou multitude de colaboracións, algunhas para firmas nacionais como Adolfo Domínguez, Sara Coleman ou Zara Home, e outras para marcas internacionais como Loewe. Ademais de impartir formacións en escolas e universidades, en 2006 publicou o seu Guía das plantas cesteables de Galicia.
En 2014 Idoia Costa gañou o Premio Nacional de Artesanía na categoría Produto e en 2021 foi galardoada co Premio Artesanía de Galicia.
29 de MAIO
Mónica Alonso é artista plástica cunha dilatada carreira que transcendeu fronteiras.
En 1999 concédeselle a Bolsa Fenosa que a leva a New York ao Acconci Studio. En 2001- 2003, a Bolsa Endesa para as artes plásticas. En 2004, a Bolsa Fundación YADDO, Nova York. 2005 vai ser un ano especial para a artista: reside en Roma coa Bolsa da Academia de España en Roma. Recibe a Bolsa CAM de Arte Contemporánea co proxecto: ‘Do frío ao calor, do calor ao frío, pasando polo temperado’. Este feito évaa a viaxar de lugares de frío a lugares de calor: Oslo, Sao Paulo, Patagonia Arxentina, Nord Kapp ou o Sahara.
A súa multidisciplinariedade lévaa a realizar o proxecto de colaboración: Next 8 Mostra Internazionale dei Architettura, A Biennale dei Venezia, Pavillón Español, 2002; Terapia Habitación de Hospital, Hospital Clínico Universitario de Santiago, CGAC, 2008-2010; Intervención cromática en Centro de Día en Maceda Ourense, 2009. Ingresa en 2022 na Academia Galega de Belas Artes.
COORDINACIÓN
Alba Díaz, viguesa afincada en Lugo, é mestra de inglés no ensino público de profesión e fotógrafa de vocación.
Os seus retratos antóllanse radiografías das almas de xente comprometida co seu país e coa súa cultura, abordando a violencia machista (exposición María
Violencia) , a sororidade (Mulleres na ducha) ou a memoria histórica (E se fose hoxe, proxecto realizado en colaboración coa Área de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra en 2023)
Mellor Fotografía de temática libre do XXIII Maratón Fotográfico da USC por Mulleres invisíbeis.
Making of do documental Acorda, cartografía musical da represión fascista na provincia de Pontevedra, dirixida por Uxía (2021 e 2022).
Coautora do libro de poesía e fotografía Lugo Philadelphia (Xerais, 2023) Colabora con Enredadas (Uxía, Martirio, Ugía Pedreira e Carmen París) así como con distintos medios de comunicación (Revista Luzes, El Progreso).