Lugo Cultural 2025 – Aberta a inscrición nos «Encontros Fotográficos»

Todos os encontros terán lugar na Casa do Saber do campus de Lugo.

1º Da palabra á imaxe

Relatora: Paula Quiroga

Data: 7 de marzo, de 17.00 a 20.00 horas

2º Construír a paisaxe

Relatora: Catara Rego

Data: 21 de marzo, de 17.00 a 20.00 horas

3º Manchar papel. Fotolibros, outra maneira de contar historias

Relator: Tono Arias

Data: 22 de marzo, de 11.00 a 14.00 horas

4º A viaxe interior

Relator: Vicente Fraga

Data: 28 de marzo, de 17.00 a 20.00 horas

5º Unha viaxe a través do retrato

Relator: Jesús Madriñán

Data: 4 de abril, de 17.00 a 20.00 horas

1º Encontro – Da palabra á imaxe

Data: 7 de marzo

Relatora: Paula Quiroga (Lugo, 1996)

No, proceso de transformar o coñecemento en fotografía Paula compartirá o seu proceso de traballo, no que o estudo e a investigación lle axudan a definir a forma visual das súas imaxes. A través desta experiencia, explorará que a leva a fotografar. 

Paula é directora de fotografía e xornalista, especializada en documentalismo. Membro do colectivo fotográfico Ollo, na actualidade compaxina a dirección de fotografía en proxectos documentais e de ficción, destacando o seu traballo en Ulises (2023), de Félix Brixel.

2º Encontro – Construír a paisaxe

Data: 21 de marzo

Relatora: Catara Rego

Construír a paisaxe explora o proceso creativo en torno á representación e configuración da paisaxe coma un elemento identitario, histórico e emocional. A través da fotografía, analizarase o vínculo entre territorio e memoria, a relación entre os espazos e os relatos que os atravesan e os efectos da transformación da paisaxe.

Abordaranse as distintas fases dun proxecto artístico, desde a investigación ata a materialización do mesmo. 

Abrirase tamén un espazo de conversa libre onde se poderán compartir procesos, intereses e reflexións.

Catara Rego (Meira, 1996) é artista visual e fotógrafa. Formada en Belas Artes e Deseño, ten un máster en Fotografía de Autor pola escola EFTI de Madrid. A súa obra afonda na relación entre paisaxe, territorio e identidade.

Ten participado en exposicións colectivas coma Zona de sacrificio no Silo de Hortaleza, dentro do marco do festival PHotoEspaña 2024; Estratexias de explotación, no Vello Cárcere en Lugo (2024); na mostra do Décimo Terceiro Premio Auditorio de Galicia no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela (2023); Eólica así non na Galería Solaina en Lugo; Paisaxe_0 na Galería Metro de Santiago de Compostela…

 No 2022 formou parte do XII Encontro de Artistas Novos da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela.

No 2023 resultou gañadora do premio Descubrimientos PHE23 de PHotoEspaña polo seu traballo Zona de sacrificio tras ser seleccionada para participar nos visionados de porfolio de Santander de PHotoEspaña en 2022.

No 2024 foi seleccionada para participar nos visionados de porfolio do Art Photo Bcn en Barcelona onde gañou a beca de produción de Fuego Books.

3º Encontro – Manchar Papel.  Fotolibros: outra maneira de contar historias

Relator: Tono Arias

Data: 22 de marzo

O libros de fotografías están entre nós practicamente dende que se inventou a fotografía: (Photographs of British Algae by Anna Atkins 1843-The pencil of nature by William Fox Talbot 1844). 

Na última década o seu deseño, contido, produción e distribución experimentaron un cambio importante en canto a idea ou concepto que se tiña do que son os libros por isto ultimamente e para entender a diferencia defínense coa etiqueta #fotolibro. 

“Detrás dun Fotolibro ten que haber unha idea e unha intención, unha mensaxe que se transmite a través do xogo coas imaxes. Non se trata de fotos individuais, se non de fotografías secuenciadas, editadas, e dispostas de tal maneira que se reforzan unhas con outras, relaciónanse ente elas e todas xuntas dan forma a unha obra única que pode ter múltiples lecturas. Nesta obra o máis importante son as fotografías pero tamén xoga un papel fundamental o deseño ou o texto (se fora preciso) a tipografía e as decisións de produción en canto a impresión”.

Pensamos que o fotolibro é un formato útil e interesante para que a obra dos autores poida chegar a máis público e permaneza de maneira estable por moito tempo en circulación, ademais das posibilidades creativas que pode proporcionar este soporte.

Nesta Charla presentaremos os proxectos editados por Dispara e veremos tamén algúns dos libros icónicos e peculiares máis influentes desta década.

Tono Arias é fotógrafo de prensa e documental desde o ano 84, traballou en diversos medios de comunicación: Faro de Vigo, El Correo Galego, axencia EFE, El Pais, El Mundo así como tamén nas revistas Interviu e Tiempo. 

A partir do ano 2006 inicia unha nova etapa como fotógrafo independente, poñendo en marcha un estudio de fotografía na Estrada onde realiza os diversos traballos profesionais no ámbito da fotografía industrial, publicidade, moda, arquitectura, editorial e documental. 

Así mesmo crea o primeiro banco de imaxes especializado en Galicia e online: http://www.tonoarias.es. 

No ano 2012 inicia o proxecto “DISPARA” un espazo web http://www.dispara.org , e físico, sito en A Estrada que é unha galería de artes visuais, librería especializada en fotolibros e editorial.

Este espazo está destinado a reunir traballos fotográficos de carácter documental e artístico, e a servir de punto de encontro entre autores para fomentar o desenvolvemento de proxectos culturais, relacionados coa fotografía. 

Ten comisariado as exposicións colectivas “welcome to Galicia” (sobre o formato impreso da postal) , “Livres” (en torno a edición de fotolibro internacional) ou Lume para o colectivo Ollo e Abanca (2023). 

Organiza eventos en torno á fotografía contemporánea: P2P A Estrada, evento que se desenvolve tamén en PHE (coa colaboración de 30y3 photography e outros). Presentacións de diversas publicacións así como talleres de fotografía impartidos por profesionais de todo o Estado. 

Actualmente forma parte da recen creada A COLECTIVA asociación de artistas de Galicia. 

Como fotógrafo comercial ten publicado unha morea de libros, sobre a paisaxe, tradicións, arquitectura e patrimonio.

En torno ó cinema ten participado como foto fixa nalgunhas producións sendo a última “Tempo Vertical” de Lois Patiño. 

Como autor ten participado en varias exposicións individuais e colectivas.

4º Encontro –  A viaxe interior

Data: 28 de marzo

Relator: Vicente Fraga

A práctica fotográfica é moito máis que unha imaxe; é unha forma de relacionarse coa contorna, de percorrelo con atención e construír memoria.

Vicente Fraga entende o seu traballo como un proceso que vai máis aló do visual, onde o tempo, a escoita e a relación cos lugares e as persoas son fundamentais. 

Os seus proxectos desenvólvense a través de camiños secundarios, contornas espontáneas e a vontade de deterse para comprender o que adoita pasar desapercibido. 

O seu traballo parte da experiencia directa para profundar no contacto con realidades alleas, outorgando ao tempo un papel esencial na maneira en que cada historia se revela ao seu propio ritmo.

Nesta charla, compartirá a súa práctica fotográfica, na que combina a imaxe coa escritura e os rexistros audiovisuais, creando un arquivo persoal que contén intacta a súa experiencia. 

A través de notas, conversas e reflexións, constrúe un testemuño que reivindica a importancia da pausa, a memoria e o tempo como ferramentas esenciais para contar o que sucede ante os nosos ollos. Unha invitación para coñecer de preto un proceso de creación que non só documenta, senón que tamén nos convida a reflexionar sobre a nosa maneira de estar no mundo.

Vicente Fraga. 

A súa formación fotográfica constrúese de maneira autónoma mediante a exploración e investigación constante e a asistencia selectiva a talleres ou formacións complementarias sobre aquelas áreas que espertan un maior interese ou dificultade no seu traballo. 

Dentro dos diferentes xéneros fotográficos, o de carácter documental, é o que maior interese lle esperta e traballa naqueles temas que lle interesan ou preocupan a nivel persoal, gozando especialmente do proceso de investigación ou documentación, co obxectivo de que máis aló dun fin artístico exista un proceso de crecemento paralelo persoal.

5º Encontro – Unha viaxe a través do relato

Data: 4 de abril

Relator: Jesús Madriñán

Jesús Madriñán (Santiago de Compostela, 1984) utiliza a fotografía analóxica de gran formato para reinterpretar e actualizar o retrato como xénero artístico. A súa produción nace da subversión da fotografía de estudo, superando os seus parámetros habituais para nutrirse do paradoxo derivado de empregar técnicas tradicionais (cámara de placas) en situacións inevitablemente espontáneas e inaprensibles.

Froito desta contradición xorden series como Good Night London (2011), Boas noites (2013), Dopo Roma (2016), I Am Light (2019), ou Washington Store (2023). O resultado é un conmovedor retrato xeracional no que prevalecen valores como a xuventude, a diversidade e la tolerancia.

A traxectoria de Jesús Madriñán conta con numerosas exposicións individuais, entre as que destacan: I Am Light -Centro Galego de Arte Contemporánea-, Mil noches y una noche -Centre del Carme, Valencia-, Good Night -Photo IS:RAEL, Tel-Aviv- El tiempo revelado -Centro de Arte Alcobendas-, Washington Store -Embajada de España nos EEUU- e as dedicadas á súa serie Good Night London no Centro Cultural Kavlin de Punta del Este, Uruguay, e nos Centros Culturales de España en México D.F. e Montevideo. 

Ademais, participou en prestixiosos festivais e feiras de arte como Paris Photo, Unseen Amsterdam, Photo London, ARCO, ou os International Photography Awards de Nueva York.

INSCRICIÓN E MÁIS INFORMACIÓN 

Inscrición ata unha semana antes ou ata completar prazas a través deste formulario, seguindo as indicacións que aparecen no documento ‘Instrucións pagamento taxas’. Máis información en 982 82 15 13 / 982 82 15 11 / cultura.lugo@usc.gal

Taxas:

Xeral: 22 euros por encontro / 100 euros polos 5 encontros
Comunidade universitaria: 16 euros por encontro / 70 euros polos 5 encontros
Asociación Maruja Roca: 20 euros por encontro / 90 euros polos 5 encontros