Desde Viva Lugo continuamos, dentro das nosas posiblidades, a facer e compartir artigos e reportaxes culturais, pero desde o inicio desta crise estamos a incluir aquelas noticias de interés xeral para todos, como a seguinte: 

Domingo 15/03 O Goberno local de Lugo vai habilitar unha liña de axudas de 5 millóns de euros destinados a paliar os danos que poidan provocar as medidas preventivas contra o coronavirus tanto nas pequenas e medianas empresas como nos autónomos e empregados por conta allea, así como nas familias.

“Temos a capacidade pola boa situación económica do concello e temos a preocupación polo que vemos necesario actuar e dar resposta ás perdas e cargas que vai provocar este crise sanitaria á veciñanza de Lugo”, sostivo a rexedora Lara Méndez.

Lara Méndez mantivo unha reunión de urxencia con todo o Goberno local para abordar estas medidas de estímulo, que serán axudas directas. Centraranse nos eidos social e económico e poderán ser complementarias ás que anunciou xa o Goberno central:

Fachada do Concello de Lugo

Eido social:

Habilitaranse axudas para a conciliación en familias con nenos e nenas menores de 13 anos e para as que teñan ao seu cargo a persoas dependentes, e que en ambos os dous supostos necesiten contratar a persoal de apoio. “Falamos das familias que xa non poden levar aos fillos á gardería ou ao colexio e das persoas ás que xa non se lles pode prestar apoio a través do Centro de Día porque estes servizos están pechados, así como doutras situacións novas que poidan xurdir”, sostén a alcaldesa.

Tamén se incluirán axudas para o aluguer para aquelas persoas que se vexan afectadas economicamente por esta situación excepcional e incrementarase a partida por emerxencia social para protexer a aquelas persoas que queden en situación de vulnerabilidade.

Eido económico:

As axudas estarán dirixidas á amparar aos autónomos e ás pequenas e medianas empresas que vexan paralizadas a súa actividade a causa desta crise sanitaria, pero tamén a empregados por conta allea que se queden sen emprego, de “xeito que paliaremos a perda económica daquelas persoas que se queden en paro e cobren a prestación e polo tanto, que recibirán só unha porcentaxe do seu salario, así como daqueles traballadores que aínda non xeraron os dereitos para poder cobrar o desemprego. A nosa intención é que poidan manter a súa renda”, argumentou Lara Méndez.

Ademais, o Goberno local tamén habilitará axudas co fin de incentivar que as empresas non acudan a un ERTE.

Poderán ser beneficiarios destas medidas os autónomos e empresas con sede en Lugo, os establecementos do municipio e os traballadores e traballadoras empadroados na cidade.

Estas medidas se concretarán nun desenvolvemento regulamentario, no que se traballará nos vindeiros días.