senda verde ciclista de Lugosenda verde ciclista de Lugo

A primeira senda verde ciclista de Lugo será realidade nun prazo de 6 meses en canto a obra esté adxudicada. O seu  itinerario permitirá percorrer e completar un circuíto, de oeste a este e de norte a sur, transcorrendo por 8 barrios da zona DUSI: Paseo do Miño, Parque Rosalía, Ronda do Carme, Fonte dos Ranchos, Lamas de Prado, Abella, A Residencia e Camiño Real..

«…a nosa intención é que se vaia ampliando para conectar máis zonas da cidade”, declarou a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, na súa presentación. No deseño deste circuíto ciclista primou a comodidade; a cohesión interna, e tamén con outras redes como a do transporte urbano; a rectitude, tanto en distancia como en tempo (buscando o traxecto máis curto) e o atractivo da ruta. Pero especialmente primou a seguridade, do ciclista e tamén dos peóns, “polo que integrará bicisendas segregadas do tráfico rodado nas rúas onde foi posible por ter suficiente anchura, con viais de coexistencia como os que xa temos, por exemplo, na Ronda da Muralla, onde a velocidade máxima é de 30 km/h. Nestas novas vías queremos rebaixar esta velocidade a 20 km/h.”

senda verde ciclista de Lugo

O eixo principal que conforma este proxecto conecta a zona fluvial do Río Miño nas inmediacións da Ponte Romana coa parte norte da cidade, á altura da rúa Dona Urraca, pasando polas rúas Pintor López Guntín, Portugal, Río Ulla, Azalea, Ronda do Carme, Rúa Santiago e Paseo do Miño.

Este trazado compleméntase con outros eixos perpendiculares, un deles por Xulia Minguillón e Río Ser, outro por Lamas de Prado, e outro por Marqués de Ombreiro, campo de fútbol Anxo Carro, Pazo de Feiras e Congresos e pasarela de San Lázaro, dando conexión ao percorrido coa marxe oposta do río.

Ademais, a zona da Abella quedará conectada coa zona da Residencia, ata a Fonte dos Ranchos, onde engancha co eixo principal. Tamén se conectará a Ronda da Muralla coa Rúa Mazaira a través da rúa Camiño Real, así como Avda. Doutor García Portela e as costas do parque Rosalía coa Rúa Santiago.

Os carrís segregados do tráfico motorizado estarán nas seguintes rúas, que configuran o eixo principal e dous importantes eixos perpendiculares de todo o trazado: Dona Urraca, López Guntín, Amizade, Río Ulla (dende Portugal ata rúa da Saúde), Azalea, Ronda do Carme (nas dúas calzadas), Rúa Santiago (dende a zona fluvial ata a intersección con Ronda do Carme), Paseo do Miño, Río Navia (dende Valle Inclán ata Río Ser), Concepción Arenal (dende Rúa da Xesta ata Rúa Mondoñedo), Xermán Alonso Hortas, Orquídea (nas dúas calzadas), rúa da Saúde, Ameneiro, Marqués de Ombreiro e Acceso ao Complexo Deportivo Palomar (dende Marqués de Ombreiro ata a rotonda de enlace coa N-VI, á altura da gasolineira existente).

O pavimento do carril bici segregrado contará cun revestimento de cor verde con resistencia ao esvaramento para unha maior seguridade dos ciclistas, e diferenciaranse as interseccións en cor vermello.

De forma complementaria, convivirán o tráfico e o tránsito de bicicletas, con prioridade desta última e limitación da velocidade de circulación a 20 Km/h, as seguintes rúas: Camiño Real, Xulia Minguillón, Río Ser, Lamas de Prado, Río Navia (dende Río Ser ata Lamas de Prado), Mondoñedo, Portugal, Orquídea (dende o antigo centro comercial da Abella ata Oliveira), Oliveira (dende Orquídea ata Lamas de Prado), Acceso ao Complexo Deportivo Palomar (dende o enlace coa N-VI e o Pazo de Feiras e Congresos), Frei Plácido Rei Lemos e Avda. Doutor García Portela.

O proxecto incluirá aparcabicis, repartidos por toda a zona de actuación, e contarán cunha marquesiña en zonas de larga estancia, como nas proximidades de colexios   e de paradas de bus, facilitando así a intermodalidade. 

Disporanse catro bancos de recarga intelixentes, en distintas zonas, dotados de placas solares, para facilitar a recarga de bicicletas, con portos USB e portos de carga inalámbrica de teléfonos móbiles, posibilidade de conexión a internet, equipamento para reparación de bicicletas e compresor de aire.

FOTOGRAFÍAS DA SENDA VERDE DE LUGO (PROXECTO)