Manter a actividade cultural estes meses en Lugo permitiu que máis de 1600 persoas puideran continuar coa súa actividade laboral
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, fixo balance da actividade cultural programada en Lugo desde o inicio da pandemia. Maite Ferreiro explicou que “desde o inicio da crise da COVID 19 tivemos claro que a cultura era un ben de primeira necesidade e traballamos para que se mantivese a actividade garantindo a seguridade tanto das traballadoras e traballadores como do público”.
A atención das salas museísticas e o Vello Cárcere requiren que a área de Cultura manteña 20 empregos de xeito continuado. Ademais, segundo Maite Ferreiro, “nas máis de 150 xornadas nas que celebraron actividades culturais traballaron unha media de 10 persoas entre actrices e actores, persoal de produción e persoal técnico, ao que se suma o persoal auxiliar e as persoas que traballaron na difusión dos eventos”.
A concelleira de Cultura explicou que “centos de familias viven do sector cultural na Galiza”, e engadiu “desde o Concello de Lugo quixemos apoiar a un sector que pasou por unha situación de emerxencia debido ás múltiples cancelacións que se produciron”. Segundo Maite Ferreiro, “manter a actividade cultural estes meses permitiu que máis de 1600 persoas puideran continuar coa súa actividade laboral”.
Maite Ferreiro afirmou que “en todas as actividades quixemos contar co tecido cultural local para favorecer a recuperación das creadoras e ao tecido empresarial local”. “Nestes meses demostramos que a cultura é un ben de primeira necesidade e que se pode acceder á cultura de xeito seguro”, sentenciou Maite Ferreiro.
Algunhas das actividades levadas a cabo á hora de contabilizar os empregos foron:
Tarde e tardiña, O que queda de verán, Certame de Pintura rápida, Muralleando sen Parar, MIHLSONS, LORCA 2.0, Reencontros Musicais FACELA, Programación NADAL, San Froilán, Cabalgata de reis, Aniversario Muralla, Roteiros AELG, Semana do Jazz, Semana de Cine, Cartografía en movemento, Lugomáxico, Camiño inmersivo, Entroido 2021, Culturbán, Benvida Apalpador, Decoración Nadal, Samaín