Mazarelos chega ao décimo número.
Contén artigos sobre patrimonio inmaterial, escultura, filosofía, educación, emigración e unha entrevista ás fotoxornalistas Charo Lopes e Brais Lorenzo.
Coma é habitual, unha ilustración ocupa a capa da revista Mazarelos. Nesta ocasión o laranxa e o verde son as cores protagonistas grazas a unha fantástica lámina da artista galega Sarai Lorenzo Broullón.
Os dous primeiros artigos están relacionados co patrimonio.
Sara Fraga Pérez achéganos ao patrimonio inmaterial a través dunha conceptualización teórica do concepto e de exemplos prácticos dalgúns proxectos nos que participou na comarca das Mariñas. Pola súa banda, Alba Rivas Regal e Jorge Viz González analizan e contextualizan o Monumento de Manuel Pailós, artista galego emigrado en Uruguai desde novo. A dita escultura atópase no campus norte da Universidade de Santiago de Compostela.
Seguen dous artigos de historia.
O primeiro, asinado por Marco Antonio Álvarez Sánchez, analiza o termo de liberdade desde a antigüidade clásica até a contemporaneidade. Deseguido, Diego García Couso presenta un estudo de caso realizado no CPI Virxe do Monte (Cospeito) co alumnado de 4º de ESO sobre a súa representación dos fascismos.
A entrevista deste número está protagonizada por dúas persoas que se moven no mundo do fotoxornalismo: Charo Lopes e Brais Lorenzo.
Estudaron na Escola de Arte Superior e Deseño Antonio Faílde de Ourense, aínda que en cursos diferentes, e desde aí comezaron a traballar desde espazos e ópticas distintas. Isto é o que precisamente fixo que a súa conversa fose moi distentida e moi entretida, a cal xirou sobre a cultura da inmediatez, a intelixencia artificial, as condicións laborais do sector e os espazos colaborativos, entre outros asuntos.
Pecha o décimo número Daniel García Fernández, presidente da Agrupación Instrutiva de Caamouco (Ares). No texto fai un repaso histórico da centenaria Agrupación e achéganos ao seu papel na actualidade, onde constata a enorme pegada que ten na comunidade.
Todas as persoas que o desexen poden mercar un exemplar da revista na web tenda.mazararelos.gal e nos case 20 puntos de venda habilitados.