Un artigo de Sara García

Con motivo do Día Internacional da Muller, Viva Lugo quere destacar e celebrar o traballo de 15 creadoras lucenses que sosteñen a cultura galega coas súas producións en teatro, danza, música, literatura, artes plásticas, audiovisual e tamén no eido da comunicación e a xestión cultural. Sabemos que hai moitas
máis, mais sirva esta pequena selección como unha homenaxe a todas as moitas traballadoras da cultura, en Lugo e no país enteiro.

ANTÍA CARREIRA
(Lugo, 1995)

Antía Carreira é creadora audiovisual e galerista de arte. Formada en Comunicación Audiovisual e en Son e Imaxe na Escola Superior de Artes e Design de Caldas da Rainha, a súa creación artística móvese nos campos da animación, a fotografía e o vídeo. Entre os seus traballos máis recentes, atópase o fashion film ‘Pestanas Postizas’ e a curta ‘Ola Baby (Video-ensaio sobre a miña depresión)’, Premio Resorte da sección Escolas do Festival Intersección. Antía ademais rexenta, xunto con Sergio Marey, a galería Solaina en Lugo, un novo espazo de exposicións de arte, actividades e encontros culturais que pretende dar protagonismo a artistas emerxentes.

BRANCA VILLARES
(Lugo, 1980)

Branca Villares é música e mestra de música tradicional. Formou parte de grupos como Liñaceira, María Castaña, Reviravolta ou Eudemónicas. Na actualidade, é membro de Proxecto Consoante e Troupelear con Pablo Pintor, e de Fuliada na Vila, grupo de once músicos que fusionan o tradicional con jazz e ritmos latinos. Branca imparte tamén aulas de canto e percusión tradicional en Lugo, na Tradescola e na Escola Tradi Oxeito, así como noutros centros da provincia. Co alumnado deses centros promove un proceso de investigación e reflexión colectiva do cancioneiro galego desde unha perspectiva de xénero que, logo, poñen en escena en diversas accións musicais ao redor de charlas, concertos ou performaces como o espectáculo “Badaladas por mulleres”.

CARMEN CONDE

Carmen Conde é actriz, guionista e narradora oral. Filóloga pola USC e dramaturga pola ENERC (Bos Aires), imparte dende hai anos obradoiros de relato breve, poesía e narración oral. Cofundadora de Tarabela Creativa xunto a Diego Gallego, con quen produce a serie da que é autora, ‘Premios Darwin’ (2016), gañadora do premio a Mellor Comedia por parte de Hipócrita Teatro. En 2018 proclamouse gañadora do primeiro certame de poesía Slam Poetry Compostela. Actualmente, é profesora na Aula de Teatro do Campus USC-Lugo e continúa xirando co seu espectáculo de narración oral ‘Tabú’, con música en directo de Nastasia Zürcher.

CARMEN GRANXEIRO
(Lugo, 1985)

Carmen Granxeiro é produtora, directora e guionista documental. Formada en Cinematografía e Artes Visuais, e sempre vinculada a proxectos de interese social, Carmen Granxeiro é unha artista multidisciplinar que experimenta co deseño gráfico, a ilustración, a fotografía e o videoarte. No ámbito documental, destacan as súas pezas ‘Atenas. Meeting Point’, arredor do movemento cidadán organizado en Atenas na crise dos refuxiados, ou ‘Benvidas ao club’, Premio Especial Biznaga de Plata Afirmando os Dereitos das Mulleres. A súa última obra documental, ‘Un día normal’, estará dispoñible en Filmin do 9 ao 15 de marzo na colección BideOtik.

Carmen Conde
Festival Cartografía en Movemento
Cris Vilariño
CRIS VILARIÑO
(Lugo, 1976)

Cris Vilariño é bailarina, creadora escénica e xestora cultural. Traballa en diferentes propostas sobre innovación pedagóxica a través da arte, o corpo e a creatividade. Como docente impartiu clases regulares de danza, así como obradoiros ou laboratorios de movemento, e levou a cabo diversos procesos creativos con adolescentes. É integrante da asociación 3monos, e organizadora do festival Cartografía en Movemento, o festival de danza que pensa os espazos de Lugo a través das artes escénicas. Actualmente coordina LED Lugo en Danza, o ciclo de programación e mediación cultural de danza e artes do movemento.

ENCARNA LAGO
(Barcelona, 1962) (Vive e traballa en Lugo)

Encarna Lago é xestora cultural e comisaria de exposicións. Xerente da Rede Museística Provincial de Lugo desde 2006, e seguidora da corrente Nova Museoloxía baseada en valores sociais e comunitarios, Encarna Lago é comisaria de numerosas exposicións e coordinadora de programas de responsabilidade social, inclusión, xéneros, arte, educación, culturas en diálogo, etc. Encarna forma parte ademais da Xunta Directiva de MAV (Mulleres das Artes Visuais) e de WILPF-Liga Internacional de Mulleres pola Paz e a Liberdade.

GEMA LÓPEZ
(Lugo, 1987)

Gema López é artista plástica, profesora de debuxo e poeta. Licenciada en Belas Artes e máster en Arte Contemporánea pola Universidade de Vigo, compaxina o seu traballo como artista coa docencia no seu propio taller Gema López Estudio de Arte, onde ofrece clases de pintura e deseño, ademais da venda de obra de arte propia. A artista recibiu diversos premios de pintura e expuxo no estranxeiro en lugares como Londres ou Madrid. Así mesmo, Gema participa en recitais de poesía e ofrece diversas conferencias nas que analiza a imaxe da muller como obxecto artístico.

Encarna Lago
gema-lopez
Gema López
LAURA LAMONTAGNE
(Lugo, 1993)

Laura LaMontagne é cantautora, poeta e actriz. Podemos descubrir estas facetas súas na película ‘A estación violenta’ de Anxos Fazáns, ou nos recitais poéticos do Slam Poetry de Compostela e da Noite Poética de Lugo. Mais na actualidade, se por algo é coñecida Laura Lamontagne, é pola súa faceta musical. Un camiño que agora segue xunto ao produtor PicoAmperio co proxecto Laura LaMontagne & PicoAmperio, e cuxa proposta musical transita entre as sonoridades do folclore galego-portugués e os ritmos electrónicos e ambientes provocados por loops, sobre os que Laura canta poemas propios ou adaptacións de Lorca, Rosalía de Castro, Martín Códax ou Luz Fandiño. O dúo foi galardoado polos Premios Martín Códax da Música 2020 na categoría de músicas urbanas.

MARGARITA LEDO
(Castro de Rei, Lugo, 1951)

Margarita Ledo é cineasta, escritora e académica da RAG. Muller referente no eido da comunicación e do cinema galego, con obras tan senlleiras como ‘Santa Liberdade’ ou ‘A cicatriz branca’, entre outras. Agora suma á súa filmografía ‘Nación’, que se estrea o día 26 de marzo nos cines. Unha película que é todo un alegato ás mulleres e traballadoras galegas, e polo que foi avalada co premio Luís Villalta da Deputación da Coruña como referente de proxecto audiovisual pola igualdade.

Laura LaMontagne e Pico Amperio
Poeta en Nova York con María Roja, Sergio Zearreta e Sabela Eiriz. Dirección: Paloma Lugilde
María Roja (á dereita) na representación de Poeta en Nova York - Foto: Adra Pallón
MARÍA ROJA
(Lugo, 1982)

María Roja é actriz, artista visual e performer. É cofundadora do fato bicéfalo Ohn e dos colectivos áIntemperie e Blanco&Vermella, proxectos situados no campo da arte de acción, e forma tamén parte do corpo colectivo transfronteirizo Límites. Vinculada ao teatro e cun Premio María Casares, traballou como
actriz profesional nas compañías Matarile, Inversa Teatro ou TrasPediante, entre outras moitas. No campo audiovisual, participou en series de televisión como ‘O sabor das margaridas’, ‘A estiba’ ou ‘Serramoura’, e mais en películas como ‘9 Fugas’, ‘Lobos sucios’ ou ‘Vilamor’.

MARÍA YÁÑEZ
(Lugo, 1978)

María Yáñez é xornalista, investigadora e produtora de contidos dixitais. Ten unha ampla experiencia nos medios dixitais en Galicia, tamén na industria do cinema, e como comisaria de diversos proxectos de cultura dixital como o festival Carballo Interplay ou o LAIC da Coruña. Na actualidade é a creadora e
directora da revista dixital VINTE, unha revista online de sociedade, cultura e tendencias vinculada ao xornal Praza.gal.

Nieves Neira
NIEVES NEIRA
(Lugo, 1983)

Nieves Neira é xornalista, bailarina e poeta. Integrante da Fundación Uxío Novoneyra, codirixe con María Grandío o proxecto editorial Ámboa, que busca conectar a danza coas letras galegas e portuguesas. Participa tamén na asociación 3monos e coa que colabora na organización do festival Cartografía en
Movemento. Neira vén de recibir o Premio de Xornalismo Johán Carballeira pola súa reportaxe «A fotógrafa revelada» sobre Maruja Roca, unha das pioneiras da fotografía galega e cuxa historia reuniu no libro recentemente publicado ‘O feitizo de Maruja Roca’.

Paloma Lugilde
POMBA LUXILDE
(Noia, 1974) (Vive e traballa en Lugo)

Paloma Lugilde (Pomba Luxilde) é dramaturga, directora, actriz e pedagoga teatral. Coa súa compañía de teatro Producións Paloma Lugilde dirixe en Lugo a Escola Palimoco de Teatro e Danza, o grupo de teatro infantil Palimoquiños e Cia, o grupo de investigación teatral Teatro Baixo da Area e a Compañia de Teatro Down Lugo, con persoas con síndrome de Down. Co grupo Palimoquiños e Cia vén de gañar o premio Xuventude Crea 2020 na categoría Teatro, e con Teatro Baixo da Area estreou en 2020 Poeta en Nova York, a primeira montaxe en galego do teatro de Federico García Lorca. Pomba ademais coordina a área de cultura da USC con Lugo Cultural e estivo a cargo, tamén, da Compañía de Teatro USC-Lugo.

SARA CRUZ

Sara Cruz é ilustradora, compositora e profesora de canto. Formada en Deseño Gráfico na EASD Ramón Falcón de Lugo e especializada en ilustración na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, a súa dedicación musical levouna a exercer como mestra de canto na escola de música Fábrica de Sons e na
agrupación coral Orfeón Lucense, dirixida por ela xunto a Silvia Nadela. Ademais, Cruz é coñecida na escena musical lucense por ser a cantante do grupo de soul rock Muddy Doll e do grupo musical infantil Cozorellos Salvaxes. No 2020 embarcouse nun novo proxecto musical co nome de NEBRA, no que a artista lucense se inspira da música tradicional galega mesturándoa con sons propios da electrónica.

XIANA DO TEIXEIRO 

(Lugo, 1982)

Xiana do Teixeiro é directora, produtora e artista visual. É cofundadora da produtora Walkie Talkie Films, especializada en cine documental de autor e vídeo experimental. Traballa tamén sobre o relato íntimo e a cuestión de xénero, rexistro no que foi ampliamente recoñecida por películas como ‘Tódalas mulleres que coñezo’, unha reflexión en voz alta sobre a violencia que viven as mulleres no día a día e que cómpre sinalar nun día coma hoxe.

 

Sara Cruz cantando con Muddy Doll no San Froilán 2019
Sara Cruz
Xiana do Teixeiro (á esquerda) co reparto de 'Tódalas mulleres que coñezo' na Semana de Cine de Lugo