Museo Provincial de Lugo – O legado de Julia Minguillón vense de ampliar con dúas obras máis doadas polos fillos dos retratados
As obras son un retrato de Rosa Piño Pérez que xa fóra presentado en Lugo en 1951 e que xa aparecía na tese doutoral de María Victoria Carballo Calero que fora publicada pola Fundación Barrié de la Maza e o retrato do seu marido, o militar monfortino, Modesto Pérez Prieto.
As dúas obras de grandes dimensións e dunha exquisita calidade técnica forman parte xa do patrimonio da Rede Museística Provincial e no Museo Provincial de Lugo poderase gozar delas a partir de agora.
A xerente da RMPL, Encarna Lago, destaca a importancia que ten para a Rede completar a colección desta artista tan importante na historia da arte feminina.
Así a figura de Julia Minguillón servirá para revisar a nosa arte e a arte de ser muller. As súas obras e traxectoria serán base para educar en igualdade e seguir tecendo redes coas distintas comunidades, promover a convivencia e revalorizar os conceptos de familia.
Julia Minguillón
A pintora, Julia Minguillón naceu en Lugo en 1906. Cunha bolsa de estudos da Deputación de Lugo, estudou na Academia de Belas Artes de San Fernando en Madrid. Contemporánea de Maruja Mallo e Elena Gago, nadou no vangardismo.
Co seu estilo figurativo e realista, pintou paisaxes, escenas cotiás, obras relixiosas e retratos da élite da sociedade galega, especialmente nos anos corenta e cincuenta, mostrando co seu pincel o gusto da España da posguerra.
En 1941 Julia Minguillón convértese na primeira muller en conseguir medalla na exposición nacional de Belas Artes coa obra Escuela de Doloriñas, que o Estado adquiriría para formar parte das colección do Museo de Arte Moderno.
No 1962 por orde ministeriral, o cadro chega ao Museo Provincial de Lugo, que hoxe conta cunha sala adicada á súa obra.