O programa IlustrarNÓS organizará obradoiros, coloquios e intervencións artísticas en centros educativos, fomentando a creatividade e difundindo o traballo de artistas galegas deste eido.
Tomando como referencia a figura de Raimundo Patiño, pintor e pioneiro da BD galega a quen se dedica este ano o Día da Ilustración en Galiza, a área de Cultura da Deputación, desenvolverá un catálogo de propostas coas que pretende ampliar o coñecemento desta expresión artística, das súas técnicas e creadores e creadoras, e fomentar a creatividade.
A programación inclúe máis dunha vintena de obradoiros, charlas e intervencións artísticas en centros educativos e un certame escolar, aberto á participación do alumnado desde Primaria ata ciclos formativos
superiores.
Laura Romero, Kiko da Silva, Iago Eireos ou Iván Mouronte participan no programa, que inclúe tamén un certame escolar
A través de IlustrarNÓS, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo ofrece aos centros educativos a opción de solicitar diferentes actividades relacionadas co mundo do deseño e a ilustración, pensadas para alumnado de diferentes niveis.
Para os centros de Primaria proponse un obradoiro dunha hora de duración baixo o título “Os Nosos (Ilustres) Instrumentos”, que liga ilustración e música e que correrá a cargo da ilustradora Laura Romero e do músico Juan A. Álvarez.
Para os centros de Secundaria, ofrécese un obradoiro co autor de banda deseñada, historietista e ilustrador Kiko da Silva.
Os centros de ensino están a recibir información sobre o programa, con indicacións para solicitar a organización dalgunha destas actividades. En total, nos vindeiros meses, desenvolveranse 13 obradoiros.
Ademais, a Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo, que imparte diversos módulos relacionados coa ilustración, acollerá ademais
unha charla a cargo do ilustrador Alberto Guitián que afondará en cuestións relativas ao exercizo profesional, abordando temas como a protección e a xestión dos dereitos de autor no mercado global ou a defensa fronte plaxios ou prácticas especulativas.
Intervencións artísticas
A axenda de IlustrarNÓS completarase co pintado de oito murais en instalacións e recintos educativos, realizados por Iago Eireos e Iván Mouronte e con deseños alusivos a Reimundo Patiño, pintor e pioneiro da Banda Deseñada en Galiza, a quen se dedicou este ano o Día da Ilustración.
Ademais, ao longo da primavera, o ilustrador Kiko da Silva realizará unha exhibición do seu traballo na Praza de Marcos.
II Certame de Ilustración “IlustrarNÓS”
A esta programación de actividades, súmase a convocatoria do II Certame de Ilustración “IlustrarNÓS”, dirixido a fomentar a creatividade e as
artes gráficas nos centros de ensino e aberto a alumnado de Primaria, Secundaria, BAC e Ciclos Formativos de Grao Medio e Superior. Estableceranse catro categorías de creación, en función das etapas educativas, cos seus correspondentes premios.
Presentación
Maite Ferreiro explicou que “estamos contactando cos centros educativos para informalos do programa e facilitar que soliciten algunha das actividades propostas. Pola experiencia da primeira edición, que organizamos o ano pasado, sabemos que son actividades ben valoradas tanto por parte do profesorado como das alumnas e alumnos”
“Cremos que a ilustración e as artes gráficas son expresións artísticas relacionadas co mundo editorial pero tamén coa animación, cos videoxogos, co cinema ou coa arte urbana e que teñen por iso unha moi boa recepción entre o público novo”, sinalou a vicepresidenta que tamén valorou a posibilidade que “o programa ofrece a creadores e creadoras galegas de amosar o seu traballo”.
Nesa liña, a ilustradora e presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), Laura Romero, que impartirá algúns dos obradoiros, agradeceu a continuidade do programa que “contribúe á difusión da ilustración” e “aproveita e fomenta a súa relación con outro eidos creativos”. Remarcou tamén que “é unha fórmula para entrrar en contacto con alumnado que teña interese en encamiñarse profesionalmente cara a a ilustración”.
O vicedirector da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo, Alejandro Carro, destacou “o interese que ten para o alumnado da Escola participar nesta iniciativa xa que, lembrou, ilustración é unha disciplina moi ligada aos módulos de Deseño Gráfico, Serigrafía Artística e Gravado e Técnicas de Estampación que se ofrecen no centro”.