Os concertos do San Froilán 2020 realizaranse en 6 recintos dispersos nos distintos puntos da cidade con máis de 9.000 metros cadrados reservados para manter a distancia interpersoal
A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, anunciou tras a Comisión de Festas de hoxe luns 31/08 os avances que se realizaron nas últimas semanas de cara á organización do San Froilán 2020. “Seguimos pendentes da evolución da situación sanitaria e dos cambios que poida sufrir até o inicio das festas”, afirmou Maite Ferreiro, que engadiu “o San Froilán ten que ser distinto este ano, mais queremos que siga mantendo a esencia da gran festa do outono galego”.
O San Froilán 2020 contará cun total de 6 escenarios, con recintos acotados e cadeiras para o público. “En total serán máis de 1.000 persoas as que cada día poderán entrar aos distintos concertos”, anunciou Maite Ferreiro, que engadiu “en cada un dos 6 recintos haberá espazo suficiente para que todas as persoas poidan gardar 1,5 metros de distancia de seguridade ao seu redor”. Os seis escenarios, situados no Paseo Fluvial do Miño, e nas prazas do Castiñeiro, Augas Férreas, Agro do Rolo, Camiño Primitivo e Horta do Seminario, “máis de 9.000 metros cadrados de espazo destinado aos concertos que se celebrarán cada día simultaneamente en cada praza, para evitar aglomeracións”, explicou Maite Ferreiro.
Os grupos locais formarán o groso das actuacións que, xunto con pequenos formatos de outros puntos da Galiza, realizarán un concerto diario, en sesión de tarde, en cada un dos recintos durante a semana e dous nos días festivos e fin de semana, coa sesión vermú. O recinto histórico e distintos puntos da cidade acollerán tamén concertos itinerantes para evitar concentracións de xente e manter o espírito da festa.
Iluminación e Cartaz
Maite Ferreiro anunciou que está en marcha a renovación do prego da iluminación das festas. “Debido ao cambio de formato nas festas tamén se realizarán cambios no alumeado para adaptalo á realidade na que nos atopamos”, declarou a edil de Cultura, que engadiu “nos vindeiros días resolverase tamén o concurso do cartaz das festas”.
San Froilán Miúdo e actividades
O patio do Seminario Menor acollerá un ano máis do San Froilán Miúdo adaptando o espazo para que as familias poidan desfrutar de maneira segura aos 13 espectáculos de teatro, circo, maxia e música. Ademais, Maite Ferreiro anunciou que se manterán actividades “consolidadas na celebración das festas, que serán adaptadas á nova realidade”. A Verbena Galega de Antes, o Desfile de Gando, o XVII Festival de Cultura Tradicional de Cántigas e Frores, a XXII Mostra de Música Tradicional Galega do Domingo das Mozas, Cultura e Tradición no Camiño, Sanfroidance e o espazo Hip Hop terán o seu espazo no programa das festas. Ademais, Maite Ferreiro afirmou que “os Pelúdez estarán presentes nesta edición para manter viva a esencia da gran festa do outono galego”
Pregón e Oferente
Desde a área de Cultura propúxose á xornalista Tonina Gay como pregoeira das festas e á artista Mónica Alonso como oferente a Rosalía.