O Campus de Lugo trasladará os laboratorios ás rúas da cidade na G-Night
Os pementos de Padrón, a relación entre a Enxeñaría Civil e o cancro e as catas de pan forman parte do menú gratuíto de degustación científica que ofrecerán XuvenCiencia e o colectivo de investigación Agromar a tarde do venres 29 na Rúa Quiroga Ballesteros e o mercado municipal
A G-Night , noite europea das persoas investigadoras, achegará a ciencia ao mercado municipal e á Rúa Quiroga Ballesteros do casco histórico lugués, que son os escenarios escollidos para a celebración das distintas actividades organizadas en Lugo polo grupo de innovación docente da USC XuvenCiencia e a asociación de persoas investigadoras na sede universitaria luguesa Agromar.
Os pementos de Padrón e o seu sabor picante, a relación entre a Enxeñaría Civil e o cancro, o coñecemento do valor nutricional dos alimentos e as catas de pan son algunhas das propostas temáticas máis novas da G-Night 2023 en Lugo , un evento de divulgación científica que posibilita a inmersión ou, cando menos, o achegamento a diversas disciplinas de xeito lúdico e divertido.
A G-Night, concebida como un foro de acceso libre que non require inscrición previa para ningunha actividade, servirá asemade de escaparate para a divulgación e posta en valor do labor que desenvolven os investigadores do Campus de Lugo da USC. Así, o programa desta edición da G-Night ofrecerá ao público satisfacer o seu apetito científico con obradoiros abertos de títulos suxestivos, tales como:
‘Espiando ao inimigo: parasitos ao microscopio’,
‘Quen ten máis proteína?,
‘Dío con luz: comunicación con fibra óptica’,
‘Fotosíntese artificial’,
‘Como nos gusta o pan!’,
’Hardware de baixo custo e código aberto para control medioambiental’,
‘Impresión 3D’,
‘Un bosque nun chiscar de ollos’,
‘O que agochan as células’,
‘Doutor, que lle ocorre á miña vaca?’,
‘Todos somos mutantes’,
‘Xogando a aprender’,
‘Trichinella, o verme que veu cear’,
‘Estás preparado para explorar, experimentar e saborear o coñecemento? ou
‘Como se fai para que unha anchoa non se escape dunha oliva rechea?’.
Alén destas sesións demostrativas, a Rúa Quiroga Ballesteros de Lugo servirá de escenario de varios monólogos científicos: ‘Unha charla moi picante’, ‘Relacións entre a Enxeñaría Civil e o cancro’ e ‘A miña parasitografía: historia dunha parasitóloga parasitada’.
Asemade, tamén se instalará na rúa unha pantalla xigante na que se proxectarán varios dos relatorios científicos de investigadores do campus lugués presentados na última edición do DivulgaT.