Foto da presentación do Lara Méndez presenta o Plan Reanima Lugo, axudas directas a protexer o emprego e darlle liquidez aos autónomos, empresas e familias
Foto: gab. comunicación concello de Lugo

A pesar de ser un medio cultural, as circunstancias mandan, e seguimos a dar noticias de interés xeral:

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou esta mañá de mércores 01/04 as liñas concretas do Plan Reanima Lugo, que contará cun financiamento municipal de 5 millóns de euros destinados a protexer os postos de traballo no municipio e a inxectarlle liquidez aos autónomos, microempresas e pemes que se están vendo afectadas pola crise do coronavirus co fin de amortecer a redución drástica de ingresos, así como a apoiar ás economías familiares.

O Plan Reanima Lugo basearase na concesión de axudas directas e artellouse para poder desenvolverse da maneira máis áxil posible e coa menor burocracia. Inclúe dúas liñas principais:

1) Medidas de axuda ao impulso económico e de protección do emprego, ás que destinaremos 4 millóns de euros.

A estas axudas poderán presentarse aquelas empresas que se viron afectadas polo peche das súas actividades debido aos decretos marcados polo Goberno central, así como os autónomos, ademais daquelas que reduciran a súa facturación polo menos un 75% no mes anterior a pedir esta axuda.

As empresas deberán ter o seu domicilio fiscal en Lugo, ou local de desenvolvemento da súa actividade.

As contías serán as seguintes:

No caso daquelas empresas ou autónomos, con ou sen traballadores ao seu cargo, que se viron afectadas polo peche decretado, recibirán unha cantidade fixa de 1.200 euros.

Se non pecharon, pero reduciron ata un 75% a súa facturación, a contía fixa será de 750 euros.

En ambos os dous supostos:

– Se non tramitan un ERTE, recibirán, ademais, 600 euros por traballador se a empresa ten ata 9 empregados, e de 450 euros se ten entre 10 e 49 traballadores (inclusive). Os beneficiarios destas axudas comprométense a non solicitar o ERTE nos tres meses posteriores á súa concesión.

– Pola contra, se tramitan un ERTE, ademais das axudas fixas, recibirán 180 euros por traballador se a empresa ten ata 9 empregados, e de 120 euros se ten entre 10 e 49 traballadores (inclusive). Neste caso, só poderán percibir as contías por traballador se a empresa acredita ter acordado con eles ou coa representación sindical que o complemento salarial do ERTE será do 100% da base reguladora, e non só do 70%, que é o que aporta o Estado.

2) Medidas de axuda á conciliación da vida familiar e laboral por situacións derivadas do COVID 19, ás que destinaremos 1 millón de euros.

As persoas solicitantes deberán terán que estar empadroadas no municipio.

A esta liña poderán optar os autónomos e os traballadores por conta allea que experimentaran unha merma nos seus ingresos a consecuencia de ser incluídos nun ERTE, ou tido necesidade de solicitar excedencia ou redución de xornada para a atención de fillos menores de 12 anos aos que lles tivera afectado o peche dos centros educativos con motivo da crise sanitaria ocasionada polo Covid-19.

O Concello aportará unha contía fixa de 100 €, que se incrementará a 150 se foran 2 fillos ao cargo ou a 175 € se foran 3 ou máis fillos a cargo.

Estas dúas liñas de axudas, que non son excluíntes entre si, estarán plasmadas nunhas bases, que se aprobarán nos vindeiros días e, de xeito inmediato, publicaranse no BOP abríndose, a continuación, un prazo de 20 días para que se presenten as solicitudes.

Web do concello de Lugo