Cartel de la Presentación do libro "Educar a través da arte"

A Facultade de Formación do Profesorado de Lugo acollerá este xoves 20 de febreiro, a partir das 20:00 horas, a presentación do libro «Educar a través da arte» cos autores, Vicente Blanco e Salvador Cidrás, que son profesores deste centro académico. Canda eles tamén participarán a coautora da obra, Rocío Modia, e o catedrático de Historia da Educación na Universidade de Santiago de Compostela, Antón Costa, que dirixe a colección «Biblioteca de Pedagoxía» publicada por KALANDRAKA, da que este volume fai a décima entrega.

Trátase do primeiro libro de temática pedagóxica de Vicente Blanco e de Salvador Cidrás que, como artistas formados na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, conciben a arte como acción creadora. Dirixido tanto ao profesorado en activo como a futuros docentes, especialmente de Educación Infantil e de Primaria, mais tamén de Secundaria, «Educar a través da arte» propón un modelo de traballo para iniciar “cambios educativos baseados no desenvolvemento de procesos persoais que foxen das respostas estereotipadas e convencionais”.

Precisamente, os autores animan a abandonar métodos “directivos” en favor de alternativas que poñan en valor a diversidade e a diferenza do alumnado. A partir dunha toma de conciencia inicial que pasa por cuestionar as metodoloxías frecuentemente interiorizadas ao longo da etapa escolar e das convencións
socioculturais, o seguinte paso na posta en práctica dun modelo alternativo baseado na creación artística e na calidade do ensino, consiste en aplicar metodoloxías que traballo que favorezan o modelo “produtivo” a través do proceso, xunto co diálogo e co sentido crítico. Como resultado, o alumnado recibirá unha formación baseada na creación persoal e no desenvolvemente da súa capacidade para transformar o mundo mediante técnicas e materiais moi diversos.

ESCOLA IMAXINADA

«Educar a través da arte» recolle experiencias “performativas” que abranguen traballos co barro, co papel ou co debuxo experimental, entre outras propostas. Impulsores do grupo de innovación educativa Escola Imaxinada que integra a profesionais das artes, da arquitectura, da filosofía e da educación infantil, Vicente Blanco e Salvador Cidrás verquen as súas metodoloxías e experiencias na web www.escolaimaxinada.com, que tamén asesora en materia de deseño de espazos e recursos educativos.

Ademais da súa faceta docente, Vicente Blanco e Salvador Cidrás son artistas multidisciplinares cunha ampla traxectoria creativa e expositiva. As súas obras teñen pasado polos museos de arte contemporánea máis prestixiosos, dende o CGAC en Compostela ata o Reina Sofía en Madrid, pasando por centros de nivel internacional en Berlín, Amsterdam, Nova York ou Tokio.

«Educar a través da arte» súmase a unha colección -Premio Gala do Libro Galego 2019 á mellor iniciativa bibliográfica- da que xa forman parte traducións ao galego dunha parte das obras de referencia na pedagoxía contemporánea: «A cidade dos nenos» e «Cando os nenos din Basta! » de Francesco Tonucci, «A psicoloxía infantil e a nova educación» de Jean Piaget e «Carta a un profesor mozo» de Philippe Meirieu entre os autores actuais, ademais de clásicos como Maria Montessori, Célestin Freinet, Paulo Freire, Lev Vigotski e a Escola de Barbiana.