A Rede Museística reabrirá os seus centros co programa Lugo Diversx, que visibiliza a diversidade afectivo sexual
Lugo Diversx une as revindicacións do Día do Orgullo LGTBI+ coa temática do Día Internacional dos Museos en 2020, Museos pola igualdade: diversidade e inclusión.
A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, a xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago, e representantes dos colectivos Arelas, Avante LGTBI+ e Sete Outeiros presentaron a programación Lugo Diversx, que se desenvolverá desde hoxe ata o 14 de novembro con actividades orientadas á visibilización e recoñecemento da diversidade e da liberdade afectivo sexual. A programación inclúe palestras, exposicións, concertos, presentacións de libros e proxectos culturais e accións de visibilización nas redes sociais.
Programa do Lugo Diversx – Día do Orgullo LGTBI+ en Lugo
Actividades de xuño a novembro
Hoxe mesmo ponse en marcha nas redes sociais da Rede Museística Provincial a iniciativa Vitrinas dexeneradas, aberta á participación de calquera persoa.
Usando os cancelos #VitrinasDexeneradas #MuseosDiversoseInclusivos #RMPL #lugoparati #lugodiversx #dim2020, cada participante poderá escoller un obxecto relacionado coas reivindicacións e a loita polos dereitos da comunidade LGTBI. As propostas sumaranse para crear unha exposición virtual colectiva.
O mércores 24 de xuño -no marco do programa cultural Tarde e Tardiña da área de Cultura do Concello de Lugo, que tamén colabora así con Lugo Diversx- poderá verse o espectáculo musical Soñando Inventei de María Faltri e Jorge Juncal (17.00 horas e 18.30 horas, na Calella do Hospital en Lugo).
O venres 26 inaugurarase na Praza de San Marcos a exposición Lugo Diversx. Orgullosxs de ser, vivir e amar libremente, con 30 paneis que repasan a loita da comunidade LGTBI polos dereitos fundamentais. Nos vindeiros meses, a mostra viaxará por diferentes localidades da provincia.
A programación continuará coa presentación de libros, palestras, un videoforum e mais o concurso de relatos e poesía de temática LGTBI+ e en galego.
Maite Ferreiro sinalou que “as actividades prográmanse na semana na que
a Rede Museística Provincial recupera ás actividade presencias, unha
coincidencia coa que queremos evidenciar unha vez máis o compromiso coa inclusión e a igualdade, coa que traballan os museos provinciais”. “Non
só nestas datas nas que estas reivindicacións teñen un eco especial con
motivo do Día do Orgullo LGTBI+, senon todos os días do ano”, subliñou a
vicepresidenta na presentación do programa na que tamén interviron
representantes dos colectivos que colaboraron no seu deseño.
Ferreiro sinalou a necesidade “de visibilizar e reivindicar mais ca nunca o dereito de todas as persoas a ser e vivir libremente” e advertiu “do perigo de certos discursos que fan retroceder á sociedade no recoñecemento desa diversidade afectivo sexual”.