O Museo Universitario A Domus do Mitreo avanza na difusión do coñecemento da cultura romana entre escolares e familias a través da programación na súa web de diversas actividades didácticas e lúdicas nas que a arqueoloxía e as coordenadas de espazo e tempo conflúen co crecente interese que está
a espertar a gastronomía e a arte culinaria como alternativa saborosa e de lecer.
A proposta ‘Arqueochefs’, coa que A Domus do Mitreo permite á cidadanía rescatar os sabores da Antiga Roma e replicalos nos fogares a través de coidadas receitas adaptadas á actual cesta da compra, é unha das iniciativas postas en marcha para difundir a pegada romana e incorporar o descubrimento da súa cultura ás tendencias actuais.
Inspiradas na historia da Domus do Mitreo, que comeza a partir do século primeiro despois de Cristo, e apoiada no legado escrito de autores clásicos, que describen nas súas obras menús, curiosidades e costumes da mesa romana, o museo universitario lugués comezou a construír a pasada primavera un singular receitario que, ademais de dar conta da historia, tamén permite ao público interesado en gozar de sabores pretéritos propios da cociña de hai preto de 2.000 anos.
Muslum potio, ensalada columela, polo á Numidia, tortiñas romanas, chícharos á viteliana, cogumelos de Apicio, dátiles recheos, libum, albóndegas de sepia ou un preparado de albaricoques con menta, mel, viño doce e aceite, son algunhas das recomendacións culinarias que ofrece o receitario da Domus. A este repositorio virtual veñen de incorporarse dous novos vídeos nos que se explican os segredos da preparación de ‘posca’, unha bebida aceda moi estendida entre a poboación porque acougaba a sede, ademais de polo seu baixo custe e as súas propiedades antisépticas, e de ‘sales conditos ad multa’, unha solución dixestiva que mestura sal con diversas especias.
Fronte á obrigada redución de presenza física, o Museo Universitario A Domus do Mitreo atopou na súa web o seu principal escaparate e tamén unha canle de comunicación e intercambio de coñecemento coa sociedade. De feito, desde a posta en marcha desta bitácora virtual, que xa vén de cumprir o seu primeiro aniversario, decenas de miles usuarios accederon ás entrañas do museo universitario lugués a través da web.