Sabores con Raíz, o Campus Terra celebra a IV Feira de Primavera de Emprendedoras do Rural.
Cita para todos os públicos coa alimentación, a gastronomía e o emprendemento feminino que transforma o rural galego.
Casetas expositivas, mesas redondas, espazos de diálogo e actividades para todas as idades. De balde.
Sábado 31 de maio de 2025 – Praza da Mosqueira – De 10:00 a 19:00 horas.

O vindeiro sábado 31 de maio, a cidade de Lugo acollerá a Feira de Primavera de Emprendedoras: Alimentación e Gastronomía do Rural, unha iniciativa impulsada polo Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela, financiado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP da Xunta
de Galicia e en colaboración co Concello de Lugo e FADEMUR. 

A feira, que se celebrará na Praza da Mosqueira entre as 10:00 horas da mañá e as 19:00 horas da tarde, consolídase tras catro edicións como un espazo de referencia para visibilizar o talento, a innovación e a forza transformadora das mulleres emprendedoras do medio rural galego.

Esta edición poñerá o foco nun dos motores esenciais do desenvolvemento económico e social das nosas comarcas: a alimentación e a gastronomía con raíces no territorio. Desde queixos artesáns ata marmeladas ecolóxicas, pasando por viños, cervexas, cociña tradicional e produtos agroalimentarios
sostibles, o público atopará unha ampla mostra de iniciativas lideradas por mulleres que están a construír un novo modelo de rural.

Ao longo da xornada, a feira ofrecerá casetas expositivas, mesas redondas, espazos de diálogo e actividades para todas as idades, nun ambiente festivo que combina degustacións, saber facer e reflexión sobre o futuro do rural. 

O evento non só dá visibilidade aos proxectos empresariais, moitos deles de carácter familiar e marcados polo compromiso coa sustentabilidade, senón que tamén abre un espazo para tecer redes, intercambiar experiencias e fomentar a cooperación entre emprendedoras.

«A Feira de Primavera naceu para poñer en valor a capacidade de innovación e resiliencia das mulleres do rural. Esta edición demostra que estamos ante un movemento crecente, diverso e cheo de futuro», destacan desde a organización.

Xerar oportunidades reais

A presenza activa de institucións públicas, universidades e redes de apoio ao emprendemento tamén subliña a importancia dunha acción coordinada para eliminar barreiras estruturais, corrixir desigualdades e xerar oportunidades reais para que as mulleres poidan desenvolver proxectos viables e sostibles desde os seus territorios.

Ademais, a feira pretende contribuír de forma directa a frear o despoboamento, fortalecendo o tecido económico, social e cultural do rural galego. Apostar por estas iniciativas é tamén apostar por un modelo económico máis xusto, centrado nas persoas e na sustentabilidade da vida.

A entrada ao evento é libre e gratuíta, e está dirixida tanto a profesionais como ao público xeral. Desde o Campus Terra anímase a toda a cidadanía a achegarse e coñecer de primeira man os sabores, historias e propostas que están a dinamizar o medio rural desde unha perspectiva de xénero, innovación e arraigamento.