MAR 2018  A sétima edición do plan turístico Terras de Auga e Cultura, que inclúe un total de 40 rutas polo rural de Lugo e municipios limítrofes, arrincará este xoves , 29 de marzo. As andainas terán lugar todos os domingos dende o 1 de abril ao 16 de decembro, excepto o 17 de xuño e o 7 de outubro, por coincidir co Arde Lvcvs e o San Froilán, respectivamente, e algúns días festivos.

As visitas, que van dende os 8 aos 18 quilómetros, versarán, como vén sendo habitual, sobre 5 temáticas distintas: xeoloxía, bioloxía, antropoloxía e etnografía, patrimonio histórico-artístico e arquitectura e deseño.

Recorrerán o casco histórico de Lugo, pasando polos tres Patrimonios da Humanidade, así como as parroquias de Adai, Bocamaos, Meilán, O Veral, Ombreiro, Orbazai, San Lázaro da Ponte, Roméan, San Xoán do Alto, O Burgo, Poutomillos, Prógalo, Bacurín, Santalla de Bóveda, San Pedro de Mera, Coeses, Gondar, Bascuas, Carballido, Coeo, Nadela, Muxa, Teixeiro, Conturiz (Castro), Piñeiro, Piúgos, Ribas de Miño, Santa Comba e Castelo, e tamén os municipios limítrofes do Corgo, Rábade, Guntín, Palas e Friol.

As rutas discorren polas parroquias que contan con sinalización turística, levada a cabo polo Concello de Lugo e financiada pola Axencia de Turismo de Galicia, un plan de sinalización que chega a unhas 30 parroquias.

SE CLICAS NAS IMAXES as poderás ver máis grandes. EXCURSIÓNS: 

Horarios e inscrición

As andainas desta programación desenvolveranse de 10:30 a 19:00 horas, de abril a outubro, e de 10:30 a 18:00 horas, nos meses de horario de inverno. Teñen como punto de saída e de regreso a parada do bus urbano situada diante do Seminario Maior, na rúa Anxo López Pérez, salvo a do 15 de abril.

A inscrición realizarase do mesmo xeito que nas anteriores edicións, é dicir, na Oficina Municipal de Turismo, na Praza do Campo, ata as 14:00 horas do día anterior á celebración da excursión. O número máximo de persoas participantes será de 35, pero algunha delas ten aforo limitado a 25.


A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, foi a encargada de presenar esta progarmación.