
Viva o San Froilán 2025 – A mirada de Alberto García
A festa dende a miña mirada.
O meu San Froilán sempre foi un son ao outro lado da parede. O rumor da festa mentres eu colocaba botellas.
Agora, coa cámara na man, esa parede é de vidro.
Isto é o meu salto sobre os charcos do tempo. É a fe fráxil e alegre de saltar, sabendo que ao caer non me farei dano, senón que aterrarei na xuventude que agora me pertence. Pérdome entre risas que teñen a textura dun soño. Observo a pandilla que bromea coa súa amiga, formando un círculo de complicidade do que, por un instante, me sinto parte.
Unhas rapazas xogan ao hóckey. Únome ao movemento, á diversión. Unha delas rí, e dime: «Oye! agora a sacas dende o outro lado, para o recordo!». Que marabillosas palabras para o meu corazón. «Por suposto que si!». Click, click. A súa amiga rí sen saber ben o que acabou de pasar. Pero aí está, sorrindo, pasándoo ben. E eu feliz por conectar con almas tan xenerosas.
E no centro deste soño, estás ti.
O corazón acelérase con ese tremer glorioso e inseguro de quen descobre a beleza por primeira vez. Atrévome a falarche, e o teu «si, claro…» é unha melodía que converte a dúbida en éxtase. Unha complicidade tan cálida que sentín o teu latido como un abrazo figurado, un vértice perfecto onde todo o bulicio do mundo cala.
Esta é a viaxe onde pasado e presente bailan enlazados, xirando sen présa. Onde o meu eu adulto e o meu eu neno, por fin, tómanse da man para correr baixo a mesma chuvia de confeti.
Isto non é sobre o que perdin. É a celebración do que, por fin, estou a vivir.
E estou a pasalo de marabilla.
— Alberto García
+ Fotos da mirada de Alberto García sobre o San Froilán 2025 en: https://www.vivaosanfroilan.com/
ALBERTO GARCÍA
Alberto García é un apaixonado da fotografía. Esa paixón tradúcese nunha forma de traballar que prioriza a conversación íntima sobre a técnica perfecta, e que cre na forza das secuencias imperfectas para contar unha historia. Para el, isto é un oficio que se aprende cada día, falando coa xente. Dende esta convicción persoal, as etiquetas resultan innecesarias para contar unha historia.
Viva o San Froilán 2025
Chega unha nova edición do Viva o San Froilán, proxecto deste medio dixital que conta co apoio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, para dar visiblidade aos artistas lucenses a través das Festas do San Froilán e viceversa, dar visibilidade ás festas a través das miradas de artistas lucenses.
Ademáis ten por obxecto a creación dun arquivo dixital – fotográfico e de ilustracións – con valor histórico das nosas festas.
Este San Froilán 2025 contamos para documentar e aportar a súa mirada persoal sobre as festas, con:
Ademais, como cada ano, a agardada ilustración conmemorativa de Iván Mouronte.
Visita web oficial: https://www.vivaosanfroilan.com/