Vocabulario en galego sobre a COVID-19

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da USC acaba de publicar un vocabulario que recolle case 200 termos relacionados coa pandemia da COVID-19 nas súas vertentes sanitaria e epidemiolóxica. Tanto polo seu volume como por centrarse especificamente sobre esta patoloxía, trátase un traballo novidoso no ámbito da lingua galega.

Para cada un deses conceptos ofrécese a súa definición, os nomes polos que é coñecido en galego, español e inglés, e a área ou áreas temáticas en que pode inscribirse. Así, pode atoparse léxico sobre as características e a morfoloxía do virus, as vías de transmisión e contaxio, as probas diagnósticas, as patoloxías asociadas, a análise epidemiolóxica, os equipos e instrumentos de protección, o fármacos empregados no seu tratamento ou as medidas de saúde pública adoptadas.

Intégrase con bUSCatermos (a base de datos de terminoloxía técnica da Universidade de Santiago de Compostela), a onde liga cada unha das denominacións galegas que forman os Termos esenciais. É en bUSCatermos onde se pode despregar e consultar toda a información que antes indicabamos. Pero tamén se pode facer a busca directamente a través da interface de consulta que ofrece a propia base de datos.

Ao tratarse dun ámbito en que as novidades técnicas –e en consecuencia, terminolóxicas– se están producindo a diario, o Servizo de Normalización Lingüística da USC elaborou un produto doado de actualizar e ao que se puidese incorporar nova información con moita axilidade: por iso a publicación directa na web.

Publícase baixo unha licenza Creative Commons Atribución-Compartir igual 4.0 ( CC-BY-SA 4.0 ), que permite a redifusión e a adaptación deste material noutros produtos ou soportes diferentes, sempre que estes se distribúan tamén baixo a mesma licenza.