Campamento de teatro gratuíto para os máis cativos no casco histórico de Lugo

Día Internacional do Teatro- Pza Maior de Lugo

Xullo 2018 A Deputación de Lugo  en colaboración co Concello ofrece do 30 de xullo ata o 31 de agosto en Lugo un campamento de teatro, totalmente gratuíto, dirixido a nenos de entre 7 e 14 anos. Terá lugar no casco histórico da capital lucense e todos os interesados en participar deben cubrir a solicitude colgada na web da Deputación, e presentala no rexistro da Deputación. Para realizar calquera consulta está dispoñible o teléfono 982 260 180, ou o correo electrónico; ana.culturaedeporte@deputacionlugo.org. A selección será por rigorosa orde de entrada das solicitudes.

O Campamento divídese en 4 grupos, os interesados en participar poden anotarse segundo a súa preferencia:

– Grupo 1: 30 xullo – 14 de agosto na Praza da Soidade, dende as 9:00 a 13:00 horas
– Grupo 2: 30 xullo – 14 de agosto na Praza Maior, dende as 16:00 a 20:00 horas
– Grupo 3: 16 de agosto – 31 de agosto na Praza da Soidade, dende as 9:00 a 13:00 horas.
-Grupo 4: 16 de agosto – 31 de agosto na Praza Maior, dende as 16:00 a 20:00 hora

En caso de malas condicións meteorolóxicas, as actividades programadas trasladaranse á Sala de Exposicións da Deputación.

Masterclass gratuíta coa actriz Marta Larralde
Marta Rivera Larralde (Vigo, Pontevedra-1981) é unha actriz galega que participará nunha masterclass gratuíta con todos os asistentes a este campamento urbano de teatro. Larralde acaba de protagonizar na serie Fariña, o papel de Nieves, a primeira esposa que tivo Sito Miñanco. Esta cita será gratuíta e estará aberta ao público en xeral. Nela a actriz explicará aos asistentes a súa experiencia no mundo da interpretación.

Clases prácticas
Tódalas actividades deste campamento urbano de teatro realizaranse a través dunha metodoloxía lúdica, activa e participativa. En cada xornada os asistentes intercalarán probas a través de xogos e talleres relacionados co teatro, como por exemplo a caracterización de personaxes, probas de vestiario, mímica, improvisación teatral, así como a incorporación de música e danza en cada sesión.