Os museos do Concello de Lugo gañan no 2018 un 11,5% de visitantes con respecto ao 2016 e un 6% máis que no 2017, chegando a uns 30.000 visitantes
Das visitas ao Centro Arqueolóxico de San Roque, á Casa dos Mosaicos, ao MIHL e á Sala de Exposicións Porta Miñá, o 86% dos turistas procede do territorio nacional e o 14% é turismo foráneo
No relativo ao movemento de visitantes nacionais, destacan as visitas procedentes de Madrid, Castela e León e Asturias. No que se refire ao foráneo, Estados Unidos, Brasil e Xapón foron os países emisores que máis aumento tiveron no 2018

Xaneiro 2019  «Unha gran noticia para Lugo, pero ao mesmo tempo, un reto que nos obriga a todos os sectores implicados, dende o Concello á hostelería, asociacións e cidadanía en xeral, a seguir traballando nos activos turísticos de Lugo» según palabras da Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, ao referirse a este importante aumento das visitas nos museos do Concello de Lugo.

É que no 2018 gañaron un 11,5% de persoas visitantes con respecto ao 2016, e un 6% tendo en conta as cifras do ano 2017. En total, visitaron o Centro Arqueolóxico de San Roque, a Casa dos Mosaicos, o Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) e a Sala de Exposicións Porta Miñá preto de 30.000 persoas.

Destas visitas, o 86% dos turistas procede do territorio nacional, e o 14% é turismo foráneo, representando un 11% máis con respecto ao 2016. No relativo ao movemento de visitantes nacionais, destacan as visitas procedentes de Madrid, Castela e León e Asturias, que representan un 25% do total do turismo nacional. Tamén é salientable a visita de persoas de Cataluña, País Vasco, Valencia, Cantabria e Andalucía, así como das illas Baleares e das Canarias.

No que se refire aos visitantes foráneos, polas instalacións municipais pasaron cidadanás de Gran Bretaña, Arxentina, Francia, Alemaña, Italia, Portugal, Estados Unidos, Brasil e Xapón. Estes últimos países emisores foron os que máis aumento tiveron no 2018, con respecto ao 2016, un 27%, un 38% e un 28%, respectivamente.

davidbowie - MIHL- museos lugo