Actividades lúdico-culturais do Concello de Lugo para este verán 2018: apúntate xa

A programació inclúe talleres de arte na pel e obradoiros de animación para centros xerontolóxicos, monitor de comedor e transporte público, reparación de móbiles e habilidades de comunicación, entre outros. Unha vez por mes, haberá actividades de cultura urbana: patinaxe, mostra de BMX, un obradoiro de rap e outro de personalización de gorras... O Vello Cárcere acollerá un concerto de piano de Álvaro Ledesma e a retransmisión da opéra Lucia Di Lammermoor.

Xuño 2018 A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre presentou este mércores 20/06 unha boa parte das novas alternativas gratuítas educativas, culturais e de lecer (habrá máis) que o Concello de Lugo pon a disposición dos mozos e mozas luguesas de ata 35 anos ao longo deste verán.

Estas actividades están enmarcadas no programa +Xtí, de prevención de consumo de drogas. Todo un feixe de opcións lúdico-culturais  para que a poboación máis nova do municipio ocupe o seu tempo de lecer aprendendo novas habilidades (sociais, deportivas, artísticas…), ao tempo que se relacionan con outros mozos e mozas da súa idade. 

Dende o vindeiro luns 25, o Concello ten preparado un taller de tatuaxe, os luns e mércores, das 10:00 ás 13:00 horas. Consta de 10 sesións, ata o 23 de xullo, e está destinado a rapaces e rapazas de 13 a 25 anos. Versa sobre a arte e cultura das tatuaxes (non se farán tatuaxes, se informará sobre a súa historia, curiosidades, técnicas…) . As prazas son limitadas polo que é preciso anotarse na Casa da Xuventude.

O taller de Animación sociocultural para centros xerontolóxicos terá lugar na Casa da Xuventude, do 2 ao 30 de xullo, das 10:30 ás 13:30 horas. A inscrición para esta alternativa, que tamén inclúe formación en primeiros auxilios, remata o vindeiro 27 de xuño nas mesmas instalacións municipais.

A Casa da Xuventude tamén acollerá, do 1 ao 29 de agosto, a acción de monitor de comedor e transporte escolar. Será das 10:00 ás 14:00 horas e inclúe tamén primeiros auxilios e manipulación de alimentos. A inscrición remata o día 30 de xullo.

No mes de xullo, o Concello tamén ofrece a alternativa de aprender a reparar móbiles e electrónica básica; neste caso do día 2 ao 20, das 11:00 ás 14:00 horas, no Vello Cárcere. A inscrición debe facerse na Casa da Xuventude ata o 28 de xuño.

No que se refire á actividade de Habilidades de comunicación e xestión emocional, celebrarase do día 2 ao 30 de xullo, en xornada de mañá, na Casa da Xuventude. Está dividida en catro módulos: desenvolvemento e training en habilidades emocionais, desenvolvemento das habilidades comunicativas, trining de oratoria e linguaxe comunicativa para crear mensaxes e beneficios da comunicaicón para a xestión de equipos e conflitos. O límite de prazas é de 15 por actividade para a mocidade de 18 a 35 anos censada no municipio ou que estude e traballe en Lugo.

Estas alternativas súmanse ao de tenis de mesa, que se está celebrando na Casa da Xuventude ata o vindeiro sábado, 30 de xuño, das 16:30 ás 21:30 horas. Tamén haberá xogos tradicionais ao aire libre.

Cultura urbana

Unha vez por mes, o 27 de xuño, o 11 de xullo e o 10 agosto, haberá actividades de cultura urbana. Na primeira xornada será a quenda da patinaxe, con skatepark móbil, da bicicleta, cunha mostra de BMX, un obradoiro de rap e outro de personalización de gorras, entre outros. Na segunda xornada, as persoas participantes poderán gozar con saltos e escaladas, grazas ao parkour, un obradoiro das técnicas vocais de beatbox e de turntablism, así como de Dj. Na última delas haberá unha exhibición de freestyle football e dous obradoiros de baile moderno: slackline e breakdance.

Será na Praza Roxa, en Augas Férreas e na Praza do Castiñeiro, respectivamente; de 16:00 a 20:00 horas, e para participar non é precisa inscrición previa.

Ópera e concerto de piano

O sábado, 7 de xullo, dentro da programación cultural do Concello, retransmitirase a opéra Lucia Di Lammermoor, de G.Donizetti, dende o Teatro Real. Poderá verse, dende as 21:30 horas, en pantallas no Vello Cárcere.

Trátase dunha obra basada na truculenta novela histórica de Walter Scott, que Salbatore Camarano transformou en libreto. É un melodrama romántico, con emocións exacerbadas, amores imposibles, traicións ou loucura.

Tamén, enmarcada na axenda cultural de Lugo, o 30 de xuño, a partir das 20:30 horas no Vello Cárcere, Álvaro Ledesma ofrecerá un concerto de piano, non como instrumento, senón como obxecto vivo co que relacionarse. Clausura así a súa exposición de obra escultórica que mantivo nos últimos meses no Vello Cárcere.

A entrada para ambas actuacións é de balde, ata completar aforo.