Lugopoética 2026 con Xosé Lois García e Ramón Rodríguez Porto

Este xoves, 23 de abril, ás 18:30 horas, terá lugar na sede da UNED en Lugo a terceira das seis sesións de LUGOPOÉTICA 2026
Coa coordinación de Xosé Carlos Ulloa, lerán e comentarán os seus poemas os creadores Xosé Lois García e Ramón Rodríguez Porto.
Esta terceira sesión introducirá ademais unha importante novidade ao proxecto Lugopoética: Ángelica Darriba Fernández (12 anos, Friol), alumna das Escolas de Música Mancomunadas de Rábade, Begonte, Outeiro de Rei e Friol, interpretará varias pezas coa frauta traveseira ao longo do evento. Deste xeito, música e poesía irán da man nesta iniciativa que continuará en vindeiras sesións cos outros alumnos das Escolas.
Xosé Lois García
Lugo, 1945
Desenvolveu diversas tarefas na divulgación da cultura galega en Cataluña. É autor de diversas publicacións de historia, ensaio, teatro, literatura infantil e sobre a simboloxía románica na Ribeira Sacra.
Tamén é crítico de arte e literatura, conferenciante e articulista en diversas publicacións de Galicia, España e Portugal.
Especialista na literatura de expresión portuguesa en África, e autor de antoloxías poéticas de Portugal, Galicia, Mozambique, Angola, Guinea-Bissau, Macau e Brasil.
A súa obra está composta por máis de cento cincuenta libros publicados en galego, portugués e catalán.
Ramón Rodríguez Porto
Chantada, 1963
Escritor e xornalista, traballou na banca comercial e na Adega Terras Bendaña.
Traballou para RNE, Radio Noroeste, Radio Faro-Cadena Ser e GaliciaDigital.
En televisión colaborou na comarcal Televinte.
Colaborou desde a mocidade en El Progreso como correspondente.
Colabora coa revista poética Xistral.
Cofundador e directivo do colectivo Poetas da Ribeira Sacra, foi fundador e directivo da Asociación Cultural e Gastronómica Luso-Galaica e membro da Fundación Amigos de Galicia.
É coordenador do premio Moncho do Pío e do certame poético Xohán de Requeixo. É cofundador e actor do Centro Teatral Faro-Miño de Chantada.
LUGOPOÉTICA 2026, acción promovida por Egeria co apoio da UNED Lugo e a Xunta de Galicia, e que celebra este ano a súa terceira edición.
Máis información: https://lugopoetica.gal/gl

























