Cargando Eventos

« Todos los Eventos

Festival de Jazz de Lugo 2026 – Concerto de Kenny Barron Trio

11 de noviembre - 20:30
Festival de Jazz de Lugo 2026 – Concerto de Kenny Barron Trio
Mércores 11 de Novembro
20:30 H – Auditorio Fuxan os Ventos

Kenny Barron, pianista fundamental na historia do jazz, o mellor en activo segundo unha opinión estendida, naceu en Filadelfia no 1943.

Digno de admiración polo exquisito gusto co que selecciona o repertorio e pola elegancia na súa execución, de estilo exquisito, articulado e imaxinativo, Barron é un dos pianistas de jazz máis completos tecnicamente, aínda que non precisa recorrer ao virtuosismo para convence-lo espectador; a súa gran sensibilidade abonda.

No 1963 Barron uniuse á banda de Dizzy Gillespie e, desde aquela, traballou con infinidade de músicos, entre os cales, ademais do mencionado Gillespie, podemos resaltar a Stan Getz, Yusef Lateef, Freddie Hubbard, Jimmy Owens, Stanley Turrentine, Milt Jackson, Jimmy Heath, Buddy Rich, Ron Carter, Charlie Haden, Buster Williams, Ben Riley, Charlie Rouse, Dave Holland e Roy Hargrove.

Durante os anos noventa, xa se consideraba expoñente principal do piano jazz universal.

Barron excede os corenta discos gravados a título de líder que o fixeron merecedor de catorce nomeamentos para os Grammy, comezando por People Time, un excepcional dúo con Stan Getz, no 1992.

O recoñecemento máis recente chegoulle na 67.ª edición dos Premios Grammy (2025) para os cales, por novena vez, foi nomeado, nesta oportunidade para a categoría mellor álbum de jazz instrumental polo seu traballo en Beyond This Place. Igualmente foi obxecto doutros honores como ser designado Jazz Master pola National Endowment For The Arts (a maior distinción para o jazz nos EUA).

Apareceu en diversos filmes, como Do the Right Thing e School Daze de Spyke Lee, e achegou a súa sabedoría ao piano en centos de sesións de gravación cunha ampla variedade de artistas.

A maioría dos «novos leóns» do piano, como Danilo Pérez, Benny Green, Cyrus Chestnut e Eric Reed citan a Barron en calidade de influencia predominante.

Los Angeles Times nomeouno «un dos mellores pianistas do mundo» e Jazz Weekly descríbeo como «o pianista máis lírico do noso tempo». Barron vence sistematicamente as enquisas de críticos e lectores no campo do jazz, ata as realizadas por Downbeat, Jazz Times e Jazziz.

2005 premio MAC Lifetime Achievement á súa carreira musical.

2009 premio Living Legacy da Mid Atlantic Arts Foundation e foi incluído no American Jazz Hall of Fame.

2013 a Empire State University (SUNY Empire) of New York outórgalle un doutoramento honoris causa e no 2011 fai o propio o Berklee College of Music.

Foi nomeado Mellor Pianista en seis ocasións pola American Jazz Journalists Association.

Detalles

  • Fecha: 11 de noviembre
  • Hora:
    20:30
  • Categoría de Evento:

Recinto

  • Auditorio Municipal Fuxan os Ventos
  • Rúa Madanela
    LUGO, Lugo 27002 Spain
    + Google Map