programacion-auditorio-gustavo-freire
17 propostas de teatro clásico, danza e música ata o mes de xuño no Auditorio Municipal Gustavo Freire
Unha programación cultural promovida polo Concello en convenio coa AGADIC dirixida a tódolos públicos e para tódolos gustos.
A primeira: o 2 de febreiro, coa obra Eroski Paraíso, a primeira produción de Chévere despois de recibir o Premio Nacional de Teatro

Xaneiro 2019  A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou a programación cultural do Auditorio Municipal Gustavo Freire que é seguinte: 

FEBREIRO

 TEATRO – 2 de febreiro, 20:30 «Eroski Paraíso»

 A primeira produción de Chévere despois de recibir o Premio Nacional de Teatro.

Trátase dun proxecto escénico construído sobre a promesa dun paraíso social feita por un Estado de Benestar que agora se desmorona. O paraíso prometido era en realidade un gran hipermercado. Este é o retrato dunha xeración que tivo todo ao alcance da man e andou pola vida como se andase polo corredor dun supermercado, sometida ás mesmas técnicas de márketing que se usan para influír nas decisións de compra das persoas consumidoras.

Dirección: Xron Elenco artístico: Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Cristina Iglesias, Luis Martínez, Fidel Vázquez.  Duración: 90 minutos

ENTRADAS – entradaslugo.es – 

eroski-paraiso

TEATRO y DANZA – 9 de febreiro 20:30 –  Fedra. 

Fedra, a raíña da Illa do Volcán, está enferma. Os médicos son incapaces de averiguar a orixe do seu padecemento e o país enteiro anda preocupado polo seu estado de saúde. Algúns din que se volveu tola. Outros, que as longas ausencias do seu home, o rei da illa, remataron por devastar e asolar o seu corazón. Pero ninguén coñece a verdade e todos se equivocan. E é que a gran responsable da doenza de Fedra non é outra ca unha paixón que a atormenta desde hai tempo e que xan non pode reprimir máis: un erotismo inmoral e impúdico, un desexo violento e indómito, un amor prisioneiro e indecente. O que se quixo con esta Fedra é sacar á personaxe dese letargo no que sempre se encontrou para crear unha muller máis combativa e con menos medo; unha persoa que, fuxindo da traxedia, se mergulle de cheo nela e pelexe fronte a fronte; unha muller exenta de culpa, capaz de loitar polo que quere e que, ante todo, se atreva a amar.

Dirección: Luis Luque

Elenco artístico: Lolita Flores, Juan Fernández, Críspulo Cabezas, Eneko Sagardoy e Tina Sáinz.

Duración: 90 minutos

ENTRADAS – entradaslugo.es – 

fedra

TÍTERES/FAMILIAR – 10 de febreiro 18:30 –  A viaxe de Rosalía – 

 A protagonista desta viaxe é Rosalía de Castro, que vén coa súa madriña Francisca. Xuntas contarán pasaxes da vida da artista e algúns dos seus poemas, da man da actriz e titiriteira Larraitz Urruzola. Utilízanse títeres de mesa, onde o traballo de manipulación se fai á vista, creando diálogo entre actriz-títere-público-actriz.

Duración: 50 minutos

Dirixido a público infantil de 5 a 12 anos.

ENTRADAS – entradaslugo.es – 

MARZO

FAMILIAR 9 de marzo 18:30  – EURIA-  Premio FETÉN 2017 ao mellor espectáculo

Euria (chovia) fala do que pasa cando algo ou alguén a quen queremos xa non está. E de todo ese fastidioso tempo que necesitamos para entender e aceptar que algo cambiou. O espectáculo está feito con: gotas de auga, un paraguas colorado, unha caixa de ferramentas, bágoas gardadas nos caixóns, 4 acrobacias, outro paraugas abandonado e roto, acenos fermosos nunha canción triste, un ferro de pasar louco, un espertador de moitos recordos, unha ventá ao exterior e un sol debuxado. E, mesturándoo todo de maneira máxica, parece que falamos, á fin, da nosa capacidade de superación.

Compañía: Markeliñe

Elenco artístico: Fernando Barado,Nerea Martínez / Natalia Garcia, Itziar Fragua / Ioar Fernández

Duración: 60 minutos

Dirixida a nenas e nenos de máis de seis anos.

ENTRADAS – entradaslugo.es – 

TEATRO 10 de marzo 20:30  Cinco minutos sen respirar.

Retrata os anhelos, o medo e a escuridade que pode albergar unha persoa a través de dous personaxes: Margarita, unha (ex)empregada de banca, e Víctor, supervisor nun supermercado. A montaxe é unha proposta baseada no traballo de interpretación e cunha dirección escénica que incide nos delirios e nas dualidades propias do mundo de hoxe. Cinco minutos sen respirar fala da vida, dos abusos bancarios, do amor, da explotación laboral, do suicidio, da familia, da violencia… e de tantas outras cousas que non dá tempo a resumilas en cinco minutos.

Compañía:Itaca Teatro – Lugo – 

Dirección: Carlos Neira Elenco artístico: Elea López e Carlos Rebolo

Duración: 75 minutos

ENTRADAS – entradaslugo.es – 

cinco-minutos-respirar

CONCERTO 16 de marzo 20:00  – Gustavo Almeida – Presentación cuarto disco.

Concerto en formato banda, onde Gustavo Almeida, ademais de pola súa guitarra, estará acompañado por batería, percusión, baixo, teclado, guitarra acústica, guitarra eléctrica, metais e coros. Un formato que permite respectar ao 100% a sonoridade do disco, coa dinámica e a versatilidade moi características de Gustavo Almeida.

2019, ano en que por fin sae á luz o tan esperado cuarto disco do cantante e compositor galaico-brasileiro GUSTAVO ALMEIDA. Un álbum gravado en Valencia, baixo a dirección de Nacho  Mañó, recoñecido produtor de artistas como Alejandro Sanz, Nena  Pastori, Presuntos Implicados, entre outros…Este disco supón un importante paso na carreira de Gustavo Almeida, tanto pola solidez do repertorio, como pola excelencia da gravación. Este disco xa tivo 3 adiantos nas plataformas dixitais. “Fue de repente”, “El cielo siempre se abre” e “ Foi de repente”. Este último estivo recentemente preseleccionado para os LATIN  GRAMMY 2018 na categoría “Gravación do ano”.

ENTRADAS – entradaslugo.es – 

CONCERTO 22 de marzo 20:30 –  Víctor Manuel

Presentación do seu novo traballo «Casi nada está en su sitio»

ENTRADAS – entradaslugo.es – 

TEATRO 23 de marzo 20:30  –  Si no te hubiese conocido.

Coprodución Centro Dramático Nacional e Octubre Producciones 

Eduardo, home de negocios, moi namorado da súa muller Elisa, provoca involuntariamente unha traxedia. Óscar e Clara, os seus mellores amigos, intentan axudarlle infructuosamente. Para superar o seu trauma, Eduardo introdúcese nun labirinto de pensamentos confusos e caóticos e consegue viaxar cara a atrás no tempo. O seu obxectivo é reencontrar a Elisa viva e intentar, por todos os medios, evitar coñecela para, así, borrar a traxedia da súa futura e traumática perda.

ENTRADAS – entradaslugo.es – 

ABRIL

FAMILIAR 7 de abril – 18:30  Os Monicreques de Kukas

Espectáculo de gran formato que combina o traballo de actor e a pantomima coa animación de marionetas e a maxia coa música en directo nun espazo escénico polivalente e suxestivo no que todos os elementos forman parte da divertida, misteriosa e trepidante aventura que supón a viaxe dunha peculiar e curiosa marioneta chamada Arlequina na busca da súa identidade contando para iso coa axuda de Marchelino, un vello e estrafalario artista e titiriteiro.

Compañía: MONICREQUES DE KUKAS

DURACIÓN 60 minutos. Dirixido a público infantil a partir de 4 anos, ata 100.

ENTRADAS – entradaslugo.es – 

TEATRO 13 de abril – 20:30 – Rey Lear.

Baséase nun conto popular que aparece incorporado á historia antiga de Inglaterra desde o século XII. Contan crónicas que o vello Lear quixo coñecer o grao de afecto das súas tres fillas para designar sucesora a quen máis o quixera. Dúas desfixéronse en gabanzas e a menor contestoulle que o quería como pai e nada máis. Pareceulle pouco ao rei, que a castigou. O tempo e as peripecias virían demostrar máis tarde que era a única digna do trono que, por fin, tras unha guerra coas irmás, conseguiu. Shakespeare amplía e transforma a trama, infundíndolle unha visión persoal. Paralelamente á propia historia de Lear, plasma a de Gloucester e os seus fillos. O resultado supón unha experiencia extrema de dor, loucura e destrución expresada cruamente e sen reservas.

Compañía: Atalaya Dirección: Ricardo Iniesta

Elenco artístico: Carmen Gallardo, Joaquín Galán, María Sanz, Raúl Vera, Elena Aliaga, Silvia Garzón, Lidia Mauduit, José Ángel Moreno, Javi Domínguez.

Duración: 100 minutos

ENTRADAS – entradaslugo.es – 

Rey Lear Teatro

BAILE E MÚSICA TRADICIONAL – 27 de abril – Fran Sieira – EntreSoños.

É unha obra de baile e música tradicional galega de 70 minutos de duración. Nela poderase ver en escena a figura dunha persoa deitada, inmersa nun profundo soño, pero lonxe de conseguilo é invadida por milleiros de pensamentos e inquedanzas. Dentro dos seus soños cobra vida esa valentía por conseguir todo o que se propoña, pero tamén o fan as súas debilidades, medos e frustraccións. Unha loita por alcanzar ou dar vida a eses soños que nunca puido ou se atreveu a levar a cabo, á vez que os medos e inseguridades o invaden dicíndolle que non son máis que soños que desaparecerán cando esperte… escenificando deste xeito encrucilladas nas que cada un de nós nos vimos envoltos nalgún momento das nosas vidas. Esas ganas de perseguir os nosos soños e inquedanzas e eses medos que nos paralizan e non nos deixan avanzar…

Dirección: Fran Sieira e David Vilarinyo

Elenco artístico: Fran Sieira, Xisco Feijóo e Aida Tarrío.

Duración: 70 minutos

ENTRADAS – entradaslugo.es – 

MAIO

TEATRO – 2 de MAIO – COMMEDIA 

Compañía: Contraproducións Dirección: Cándido Pazó

Elenco artístico: Víctor Mosqueira, Marcos Orsi, Nuria Sanz, Sergio Zearreta, Avelino González, César Goldi.

Duración: 90 minutos

A OBRA: Arlecchino encontra unha carta de amor no mandil da súa muller e, erradamente, pensa que ela o engana. Quere matarse, pero deteno unha misteriosa voz que lle dá un anel máxico que fai perder a memoria a quen o pon. Arlecchino esquéceo todo, pero tamén a noción das convencións sociais.

Humor, acrobacias, música en directo, diálogos mordaces, teatro físico, canto e baile sucederanse entre divertidos equívocos e enxeñosos enredos arredor do amor romántico e dos riscos da sinceridade, coa participación das principais figuras da “commedia dell´arte”: o cutre taberneiro, o pedante Dottore, o avaro Pantalone, o fanfarrón Capitano, a encantadora Arxentina…

Vinte e cinco anos despois da súa primeira estrea, un dos fitos do teatro galego polo éxito e repercusión que tivo hai 25 anos na escena galega e pola súa presenza en escenarios de España e mesmo internacionais. A compañía Contraproducións revisita esta explosiva obra co mesmo director, Cándido Pazó, e case o mesmo equipo creativo, celebrando esa festa teatral.

Entradas – entradaslugo.es- 

CONCERTO 18 de maio – 20:30 – Leilía – Cantar-Elas.

Ás portas de facer 30 anos xuntas, Leilía afronta este aniversario coa presentación dun novo espectáculo que revise a súa discografía, a súa traxectoria musical fiando as súas orixes coas aprendizaxes adquiridas ao longo destes anos.

ENTRADAS – entradaslugo.es – NON SAÍRON Á VENTA

FAMILIAR – BEBÉS 19 de maio – 17.30 e 18.30 horas.-  A Alfombra Máxica.

A alfombra máxica é un lugar de libre experimentación, unha alfombra táctil, sonora e olfativa onde a artista plástica convida aos máis pequenos a mergullarse nunha viaxe sensorial. Xuntos descobren o pracer de apalpar, manipular, escoitar, ver, saborear…Unha invitación a xogar e experimentar con todo o corpo. Monicreques, música e outras sorpresas viaxarán cos máis pequenos e cos seus acompañantes adultos por un mundo de emocións e sensacións.

Compañía: Babaluva – Dirección: Nekane Fernández Elenco artístico: Mirari Urruzola

Duración: 40 minutos

Dirixido a público infantil de 0 a 3 anos. 25 bebés por función e os acompañantes que o desexen.

ENTRADAS – entradaslugo.es – 

TEATRO e DANZA – 25 de maio – Rafael Amargo – Dionisio.

Conta a historia de Dionisio, o deus grego do teatro, o viño, a éxtase e a fertilidade. Chorrea sobre a terra viño e ábrelles aos humanos o seu paraíso salvaxe, a alteridade, o que está prohibido. Dáselles a todos (homes e mulleres); é o deus á vez transgresor, pero tamén a chama viva que busca a paz. É un deus errante que navega sen rumbo, xerador de danzas frenéticas, pero tamén é o perseguido, o doente ou o moribundo. Celebrou o seu último nacemento, xerando utopías que oscilan entre a sabedoría tráxica e o nihilismo narcótico, pero sempre renace con Eros en forma de luz.

COMPAÑÍA DE DANZA-TEATRO DE RAFAEL AMARGO

Dramaturxia e dirección: Isdel Pablo Mori. 

Dirección, espazo e imaxes: Rafael Amargo.

Intérpretes: Rafael Amargo, Hernán Piquín, Luciana Bongianino, Lucía Ruibal, Cecilia Sarli, Iñaki Márquez, Carlos Fuentes, Agustín Barajas, Benjamín Leiva, Rosana Romero, María Sandra Hita, J. C. Sánchez Quesada, J. Carlos Nieto, Laura Llauder, Juan Manzano, Diana Noriega, Álex Zapata, Nora, Amador Piulestan, Mario Parrana, Tomatito fillo, Lucky Losada, Antonio Losada, Carmina Cortés, Genara Cortés, Ángela Bautista, Kiki Cortiñas, Morenito de Illora, Morenito hijo.

Duración: 90 minutos

Idade recomendada: a partir de 16 anos

ENTRADAS – entradaslugo.es – 

DIONISIO

TEATRO 30 de maio – Pentación – Cinco horas con Mario, de Miguel Delibes.

Fala dos asuntos eternos do ser humano: da culpa, da soidade, da incomunicación, do sentido da vida. Como sempre en Delibes partindo dun localismo concreto encarna nas súas personaxes e nos seus conflitos as realidades más profundas e complexas que condicionan a vida.

ENTRADAS – entradaslugo.es – NON SAÍRON Á VENTA

XUÑO

9 de xuño – A Trastenda dos Contos (Caxoto) – Unhas gafas coma as do avó.

É un espectáculo inclusivo, en lingua oral e lingua de signos. Nel as dúas linguas mestúranse creando un espazo inclusivo para persoas xordas e oíntes; a palabra falada e a palabra signada míranse de igual a igual. Trátase dunha oportunidade que terán as persoas oíntes para coñecer a «cultura xorda» e así mesmo unha oportunidade para as persoas xordas de participar dun espectáculo feito á súa medida. Neste espectáculo, Laura é unha nena moi bulideira que todo o tempo anda á procura de aventuras que vivir. Un día sente curiosidade polas gafas do seu avó; cómo se verá a través delas? O que comeza sendo unha pequena trasnada acaba por converterse na maior de todas as aventuras.

ENTRADAS – entradaslugo.es – 

ENTRADAS

 O importe das entradas, para obras e concertos para público adulto é de 10 euros en zona A e 8 euros en zona B. Existe desconto do 20% para persoas en paro, menores de 30 anos, pensionistas e actores e actrices asociados á Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). O bono para catro funcións do Teatro Clásico é de 25 euros. As entradas para o concerto de Víctor Manuel é de 20 euros, con desconto do 10% para persoas desempregadas, menores de 30 anos, pensionistas e actores e actrices asociados á AAG. Para espectáculos para público familiar a entrada é de 4 euros para os adultos e nenas e nenos, dous euros.

As entradas poderán mercarse a través do portal web entradaslugo.es e na Oficina Municipal de Turismo, na Praza do Campo, ata 3 horas antes do comezo de cada función; e no auditorio, o día da función, desde unha hora e media antes do comezo do espectáculo. As persoas que adquiran entrada con desconto deberán acreditarse na porta de acceso.

Os bonos poderán adquirirse na Oficina de Turismo no seu horario de apertura habitual ou a través do portal web entradaslugo.es ata o 8 de febreiro.