Marzo 2019 Este sábado celebrouse a entrega de premios do audiovisual galego, os Mestre Mateo 2019. Entre os finalistas, numerosa representación de Lugo. Saíron con premio:
«A sombra da lei» : 10 galardóns (parte da rodaxe foi en Lugo)
Dani de la Torre: mellor director
Luis Tosar: mellor interpretación protagonista.
Jorge Coira: mellor montaxe.
Trote: 5 galardóns
Xacio Baño: mellor guión
Melania Cruz: mellor interpretación femenina de reparto
María Vázquez: mellor interpretación femenina protagonista.
Sito Torres e Miguel Granero: mellor realización polo programa Álbum de Viaxe
A sombra da lei acaparou 10 Premios Mestre Mateo na gran gala que celebrou a pasada noite no Palacio da Ópera da Coruña converténdose así na gran triunfadora desta edición dos premios da Academia Galega do Audiovisual. O filme de Dani de la Torre conquistou os galardóns á mellor longametraxe -de Vaca Films Studio, Atresmedia Cine, La Ley del Plomo AIE e Playtime Production Sarl- e á mellor dirección do propio de la Torre. Os académicos e académicas tamén recoñeceron a dirección de arte de Juan Pedro de Gaspar, a dirección de produción de María Liaño, a interpretación protagonista de Luis Tosar, a maquillaxe e perruquería de Raquel Fidalgo e Noé Montes, a montaxe de Jorge Coira, a música orixinal de Manu Riveiro e Xavi Font, o son de David Machado, James Muñoz e José Antonio Manovel e o vestiario de Clara Bilbao.
Trote, o debut na longametraxe de Xacio Baño, fíxose con 5 dos galardóns da noite: mellor dirección de fotografía para Lucía C. Pan -que acada o galardón por segundo ano consecutivo-, mellor guión para Xacio Baño e Diego Ameixeiras e case pleno nas categorías interpretativas con Melania Cruz como mellor interpretación feminina de reparto, Federico Pérez como mellor interpretación masculina de reparto e María Vázquez como mellor interpretación feminina protagonista.
Idénticas, dirixido por Luis Avilés, gañou o premio ao mellor documental mentres que Dinosaurio, de Carballo Interplay Producións, se fixo co premio á mellor serie web. A nena azul, de Sandra Sánchez, conquistou o de mellor curtametraxe de imaxe real e Soy una tumba o de mellor curtametraxe de animación. Ti fixo o propio co de mellor anuncio e Ahora o nunca (Pegatina feat Macaco) de Manu Viqueira, co premio ao mellor videoclip. O sabor das margaridas acadou o premio á mellor serie de TV, mentres que Buscadores de naufraxios gañou o de mellor programa de TV e Rodrigo Vázquez o de mellor comunicador polo seu traballo no Ti verás! Completa os premios televisivos o de Sito Torres e Miguel Granero pola realización de Álbum de viaxe.