Maio 2019 A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, xunto a un representante da Sociedade Filharmónica de Lugo, José Luis Díaz, que leva a dirección artística e técnica, presentaron este venres, no patio do Vello Cárcere, a XLVII Semana de Música do Corpus.
Trátase dunha programación de 9 concertos, que terán lugar do 24 de maio ao 8 de xuño no Círculo das Artes, na Casa do Saber e no Vello Cárcere. Unha vez máis, esta semana de música clásica e barroca, complétase co VI Festival Internacional de Órgano Corpus Christie de Lugo, que se celebra do 4 ao 24 de xuño na Catedral de Santa María, na Igrexa de Santiago A Nova e na Igrexa de San Pedro. Tamén haberá música na rúa, a cargo do alumnado do conservatorio e das escolas de música, das 12:00 ás 20:00 horas, o sábado, 25 de maio. A entrada para toda a programación é libre, ata completar cabida. No acto tamén estivo presente o director deste último festival, Luis Varela.
Ao longo de case un mes, artistas e agrupacións destacadas fan protagonistas a grandes pezas da historia musical con melodías clásicas e barrocas. Un evento cheo de prestixio e calidade que, nesta ocasión, reunirá na cidade á Real Filharmonía de Galicia, ao grupo Forma Antiqva, ao dúo Las Arpas Sonoras, ao trío MUSica ALcheMIca, á Orquestra Sinfónica Vigo 430, ao grupo El Afecto Ilustrado con Hugo Bolívar, a Germán Díaz &Benxamín Otero, á pianista Gabriela Montero e á Historia do Soldado.
VI Festival Internacional de Órgano
Baixo o paraugas do Festival de Música cidade de Lugo atópase o VI Festival Internacinal de Órgano do Corpus Christi, neste caso organizado polo Centro Eucarístico Lucense coa colaboración da entidade local. Nel participarán a Orquestra Vigo 430 & Giulio Mercati, Fabio Ciofinci & Giulio Mercati, Sergio Orabona, Grupo Sólo Voces & Ulrike Northoff e Karin Richter & Jean-Christophe Geiser.