A Domus Mitreo mantén intacto o seu atractivo turístico
A Domus do Mitreo sortea a COVID-19 e suma xa máis de 1.000 visitantes trala súa reapertura en xuño
O Museo Universitario A Domus do Mitreo sortea os efectos derivados da pandemia provocada pola COVID-19 e contabiliza xa máis de 1.000 visitantes desde a reapertura das súas instalacións tralo peche obrigado por mor da pandemia. Así, logo duns primeiros días de incertezas e do necesario período de adaptación social aos hábitos e comportamentos requiridos polas autoridades sanitarias, as dependencias museísticas da Domus do Mitreo rexistraron na última quincena do mes de xuño 275 visitas, un fluxo que se incrementou ao longo do mes de xullo, no que o Museo Universitario A Domus do Mitreo contabiliza xa 750 visitantes, segundo indica o persoal encargado de regular o acceso de persoas ao museo, a mesma fonte que apunta un progresivo aumento da afluencia nas últimas datas e especialmente en fin de semana, cando se chegan a superar as 100 visitas diarias.
As actuais estatísticas de afluencia ao xacemento e demais instalacións do museo levantado arredor do templo de Mitra e demais restos romanos achados nas escavacións do solar anexo a Vicerreitoría do Coordinación do Campus de Lugo son moito máis modestas que as do verán pasado, recoñece a súa directora científica. A profesora de Historia da USC Dolores Dopico Caínzos salienta, alén de entrar en valoracións e análises de cifras, como un dos aspectos máis destacados desta situación de nova normalidade post pandemia que “A Domus Mitreo mantén intacto o seu atractivo e está a consolidarse como un dos principais atractivos turísticos dunha cidade que goza dunha riqueza patrimonial extraordinaria, como é o caso de Lugo”.
A procedencia das persoas que accederon nas últimas semanas ás dependencias museísticas do Campus de Lugo corroboran a afirmación expresada por Dopico, xa que na listaxe de entradas atópanse numerosos visitantes chegados fundamentalmente de Madrid, Barcelona, pero tamén outros turistas procedentes de Vitoria, Cáceres, Vitoria, Bilbao, Santander Pamplona, Jaén, Pontevedra, Vigo, Albacete, Lleida, Xerez da Fronteira, Salamanca, Valencia, A Coruña, Xaén, A Rioxa, Ferrol, Santiago, Málaga, Segovia.
O acceso de público estranxeiro ao Museo Universitario A Domus do Mitreo tamén se viu reducido nestas primeiras semanas da reapertura, período no se contabilizan preto de 50 viaxeiros chegados de Italia e Francia, Romanía, Estados Unidos, Australia, Perú, Colombia, Bélxica, Turquía, Alemaña e, entre outros países, Suíza. A tenor destas estatísticas, o fluxo de visitantes estranxeiros sitúase arredor do 5% no último mes, durante o que o público nacional representa máis do 70% por cento do total de usuarios rexistrados, entre os que tamén se identificaron 208 persoas de Lugo, o que supón pouco máis do 20% do total.
Dopico Caínzos entende que as estatísticas de visitantes son moi satisfactorias e supoñen un recoñecemento social á decisión e ao esforzo feito pola USC para reabrir as instalacións do museo e adaptar o réxime de visitas á normativa vixente. Aínda así, a directora científica do Museo Universitario A Domus do Mitreo bota en falta unha maior afluencia de público local a un museo singular, por non dicir único, no Noroeste de España, que ofrece a posibilidade de viaxar 2.000 anos no tempo para coñecer in situ o Lugo dos romanos e as súas formas de vida. “O noso desexo é conseguir que o Museo Universitario A Domus do Mitreo forme parte do relato vital dos cidadáns de Lugo. Sabemos que é unha tarefa complexa, pero desde a USC traballamos para avanzar neste obxectivo e para aproveitar este xacemento musealizado como ferramenta didáctica e educativa apta para todas as idades, ademais de como resorte cultural e socieconómico»
Horario de apertura
As instalacións do Museo Universitario A Domus do Mitreo permanecen abertas ao público de martes a sábado, en quenda de mañá e tarde, de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas. O horario de apertura durante o verán contempla tamén a posibilidade de realizar visitar os domingos, en quenda de 11.00 a 14.00 horas.