Lugo acollerá do 15 ao 17 de setembro un encontro profesional das artes escénicas
Forma parte da segunda edición de Camiño Escena Norte, un programa de espectáculos en diferentes localidades deste itinerario no País Vasco, Cantabria, Asturias e Galicia
Xa está aberto o prazo de inscrición (ata o 7 de setembro), que pode facerse a través da web www.escenanorte.com
Do 13 de setembro ao 11 de outubro haberá espectáculos gratuítos en sete localidades galegas do Camiño Norte

A segunda edición de Camiño Escena Norte achégase. Desde hoxe xa é posible inscribirse no encontro profesional Habitación Peregrina PRO, que terá lugar no Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo do 15 ao 17 de setembro, que forma parte do programa xeral que volve traer a Galicia espectáculos de Asturias, Cantabria e Euskadi grazas a este ambicioso proxecto de intercambio escénico entre comunidades do Camiño Norte.

Este encontro profesional, dirixido a compañías de artes escénicas e axentes profesionais do sector de calquera das catro comunidades implicadas na iniciativa (Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi), comparte o obxectivo xeral de crear un novo corredor cultural artellado por medio deste novo territorio compartido, neste caso aplicado aos profesionais, pretendendo fomentar a interrelación e as sinerxias entre compañías deste sector.

Camiño Escena Norte - Encontro profesional das artes escénicas en Lugo

Habitación Peregrina PRO pretende ser un espazo de convivencia profesional onde o cento de compañías que abarcan as asociacións promotoras (Escena Galega, EscenAsturias, Acepae e Eskena), máis todas aquelas do sector que queiran unirse á actividade, poidan entrar en contacto, coñecer as súas liñas de traballo e propostas estéticas, coñecer a realidade dos distintos circuítos de programación, explorar vías de coprodución e traballo conxunto e acceder a propostas de formación que sexan de interese para o seu desenvolvemento profesional.

Así mesmo, o encontro pretende ser un foco de reflexión e coñecemento sobre a realidade do sector nas circunstancias actuais, sen perder de vista o traballo sobre o modelo de residencias de creación que desde Camiño Escena Norte quere seguir implementándose a partir de 2021.

Os contidos deste encontro van desde conferencias a obradoiros, pasando por pitchings, speed meetings e dinámicas de grupo arredor de temas como a a promoción e distribución, o modelo de residencias e formación. Nel participan desde expertos ata responsables de administracións das autonomías implicadas. PROGRAMA – pdf – 

Camiño Escena Norte, o proxecto

Camiño Escena Norte é un proxecto artellado arredor dun novo itinerario de intercambio cultural que toma a ruta histórica do Camiño de Santiago do Norte como referencia para unha intensa programación escénica, expandida ademais nos eidos das sinerxias sectoriais, a mediación co público ou a reflexión.

Camiño Escena Norte xorde co obxectivo de coñecer máis e mellor aos nosos veciños e veciñas, dando a posibilidade ao público de ter acceso a producións escénicas doutros territorios ás que doutra maneira non accederían. Aproveitando esta ruta cultural e histórica que nos une dende hai séculos creamos un novo camiño de cultura con espectáculos de teatro e danza, encontros, obradoiros, xornadas ou residencias de creación, no que mostrar a diversidade cultural, lingüística e de formatos e linguaxes escénicas da produción galega, asturiana, cántabra e vasca.

Este proxecto está promovido polas asociacións de produtoras escénicas de cada unha das autonomías implicadas: Escena Galega, EscenAsturias, ACEPAE (Cantabria) e Eskena (Euskadi), e patrocinado pola Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, a Deputación de Lugo, o Concello de Lugo e o INAEM.