Con todas as medidas de hixiene e distancia social que esixe esta nova realidade, o Local Hipócrita acollerá catro funcións do Circuíto Galego de Teatro Amador promovido pola FEGATEA (Federación Galega de Teatro Afeccionado) co apoio da Consellería de Cultura, entre os días 12 e 20 deste mes de setembro.
As entradas, que serán de balde, deberán reservarse enviando un correo-e ó enderezo hipocritateatro@gmail.com no que se indique número de asistentes co nome completo e nº de teléfono de cada un deles.
A programación do Circuíto comezará este sábado, día 12, ás 20h, coa obra “Güeiting for C.V.” de Cavort Teatro, unha comedia disparatada baseada nos realities shows, dirixida por Borja Salgado.
O día 13 ás 19h actuará a compañía organizadora, Hipócrita Teatro, que porá en escena “Hotel Desencanto”, dirixida por Carlos Rebolo, unha peza de teatro contemporáneo que mestura comedia, drama e suspense.
A programación continúa a fin de semana seguinte. O sábado 19, ás 20h, Gargallada Teatro, do Barco de Valdeorras, traerá ó Local Hipócrita a obra “Fuga”, unha comedia de actualidade coa que a compañía acadou varios premios en certames de teatro afeccionado.
Pechará o Circuíto o día 20 ás 19h o grupo de maiores de Atrezo Teatro, dirixido por Chelo Pampillón, coa comedia “Balneario a Condesiña”.