XuvenCiencia e AgroMar organizan desde o Campus de Lugo da USC a Noite Galega das Persoas Investigadoras, que se celebrará o venres 25 de setembro con actividades participativas para público familiar.

A G-Night, a Noite Galega das Persoas Investigadoras, regresa a Lugo cunha programación que achega a ciencia á cidadanía a través dunha vintena de
obradoiros e experiencias interactivas no Mercado Municipal Quiroga Ballesteros e na Praza de Abastos.
 

A iniciativa, organizada polo grupo de innovación docente XuvenCiencia e pola asociación de persoal investigador novo AgroMar, do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, conta con financiamento do Campus Terra da USC e desenvolverase o venres 25 de setembro en horario de 18.00 a 22.00 horas, con actividades presenciais e gratuítas para todas as idades, ata completar aforo.

Programación do Mercado Municipal

Un supermercado imposible, que incide na influencia dos algoritmos na decisión de compra, e un obradoiro sobre os riscos para a infancia e adolescencia dos terminais móbiles e das redes sociais son dúas das novidades que se introducen para a súa quinta edición.

No Mercado Municipal, as persoas asistentes poderán achegarse ao coñecemento das carrachas e das enfermidades que poden transmitir no obradoiro As carrachas, presuntas culpables, así como descubrir o funcionamento de sensores de baixo custo e placas Arduino e ESP32 para a monitorización ambiental. Tamén se oferta Un bosque nun chiscar de ollos, un obradoiro sobre o cultivo in vitro e o microenxerto de especies vexetais.

Solos en recuperación, porcos desbrozadora, fígados en 3D e a enerxía da carreira espacial

A programación inclúe a demostración titulada Que hai baixo os teus pés?, da man do proxecto SUS-SOIL, que converte o solo nun laboratorio vivo para
explorar os efectos dos incendios, os residuos nocivos e os microorganismos que contribúen á súa fertilidade. 

GREENCOOP, un outro proxecto tamén liderado polo grupo de investigación en Sistemas Agroforestais e Agroecolóxicos da USC, amosará as ferramentas dixitais que optimizan o agro a través dunha experiencia inmersiva sobre o porco celta como desbrozadora natural nos sistemas agroforestais.

Investigadores da EPSE amosarán as posibilidades de REMOVIRT H3D, nunha actividade que permitirá interactuar con visualizacións tridimensionais de
fígados humanos reconstruídos mediante técnicas de intelixencia artificial, machine learning e visión artificial, que explicarán as súas aplicacións na
planificación de cirurxías. 

A enerxía do futuro tamén terá presenza na G-Night grazas ao proxecto RePowerSiC, igualmente dirixido desde a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, que presentará demostradores sobre a transmisión de enerxía mediante láser de alta potencia e carburo de silicio para a exploración espacial.

Entre as opcións máis participativas figuran o xa citado Supermercado imposible e tamén o obradoiro «As cores que se agochan nas tintas», dirixido a crianzas de seis a doce anos, no que se empregará a cromatografía para separar os pigmentos dos rotuladores, e o «Areeiro de realidade aumentada», unha experiencia interactiva para todas as idades que permitirá crear mapas topográficos en 3D e simular a escorrentía da auga.

O público infantil e xuvenil poderá descubrir o mundo das bacterias na actividade Superbacterias á vista!, que abordará un tema tan sensible como é a resistencia aos antibióticos mediante actividades creativas. Tamén será posible coñecer como os escáneres láser axudan a estudar as masas forestais en E para medir árbores, mellor cinta métrica ou escáner?

A programación do Mercado Municipal completarase coas Lambiscadas Científicas, unha proposta baixo a marca Ciencia á Feira que achega o
coñecemento investigador ás contornas rurais mediante faladoiros próximos e interactivos, co apoio da Área de Medio Rural da Vicepresidencia da
Deputación de Lugo.

Nos baixos da Praza de Abastos luguesa, a G-Night ofrecerá catro propostas dirixidas a diferentes públicos:

Así, Xoga, descubre, aprende! convidará a resolver retos de maneira colaborativa mediante a ciencia, a expresión corporal e as matemáticas, empregando recursos innovadores da Facultade de Formación do Profesorado.

Tamén desde Formación do Profesorado son responsables do novidoso obradoiro Riscos asociados ao uso do smartphone e redes sociais, dirixido a familias con fillos e fillas de 3 a 12 anos, así como ao profesorado, que abordará os riscos do uso inadecuado das pantallas a través de xogos, dinámicas participativas e recursos prácticos.

Pola súa banda, Quen ten máis proteína? permitirá comparar o contido proteico de diferentes tipos de leite e bebidas vexetais mediante unha experiencia práctica. 

Finalmente, Fotosíntese artificial mostrará como producir hidróxeno a partir da enerxía solar e utilizalo para propulsar un vehículo.

Unha celebración europea da ciencia

A G-Night ou Noite Galega das Persoas Investigadoras é unha iniciativa galega orientada a achegar a ciencia á sociedade. 

Naceu ao abeiro da European Researchers’ Night, un evento da Unión Europea que se celebra simultaneamente en centos de cidades europeas. A través desta celebración, as universidades e os centros de investigación abren as súas portas para mostrar o valor do traballo científico, promover vocacións e favorecer o diálogo entre a comunidade investigadora e a cidadanía.

A programación completa da G-Night Lugo pode consultarse en
www.xuvenciencia.org e https://gnight.gal/cidades/lugo/.

G-Night Lugo

Data: venres 25 de setembro. Horario: de 18.00 a 22.00 horas
Lugares: Mercado Municipal Quiroga Ballesteros e Praza de Abastos de Lugo
Modalidade: presencial con ENTRADA DE BALDE.
Público: familiar, con idades específicas segundo cada actividade. Organizan: XuvenCiencia e AgroMar.