Nova exposición en Afundación Lugo:  «Papiromates. Matemáticas + creatividade = papiroflexia» en Afundación Lugo
Expo «Papiromates. Matemáticas + creatividade = papiroflexia» en Afundación Lugo

Afundación, a Obra Social de ABANCA, e a Escola Museo Origami Zaragoza (EMOZ), en colaboración con GAPEMA, presentan en Lugo a exposición «Papiromates. Matemáticas + creatividade = papiroflexia», unha mostra que reúne pezas de papel realizadas mediante a técnica do origami para poñer de manifesto a relación entre as matemáticas e a papiroflexia. 

A rolda de prensa de presentación tivo lugar esta mañá na Sede Afundación de Lugo e contou coas intervencións do director do Museo EMOZ e comisario da mostra, Jorge Pardo, e a coordinadora da Sede Afundación de Lugo, María José Fernández.

A exposición estará aberta ao público ata o 9 de xaneiro do vindeiro ano na Sede Afundación de Lugo (Praza Maior, 16), de luns a sábados en horario de 18.00 a 21.00 h. Abrirase baixo un estrito protocolo sanitario para garantir o goce da cultura dun xeito seguro. Así, será obrigatorio o uso de máscara; controlarase a capacidade da sala; os itinerarios e percorridos estarán sinalizados; levarase a cabo unha desinfección rigorosa dos espazos; eliminaranse os elementos táctiles e levarase a cabo a supervisión da sala por parte de persoal da entidade para garantir o cumprimento da distancia de seguridade.

A EXPOSICIÓN «PAPIROMATES. MATEMÁTICAS+ CREATIVIDAD = PAPIROFLEXIA»

Este proxecto expositivo está dedicado á relación entre as matemáticas e a papiroflexia, un vínculo moi estreito dado que os patróns matemáticos son
imprescindibles para o deseño das figuras expostas.

Mediante estas pezas, de valor case escultórico e para cuxa elaboración non se utilizaron pegamento nin tesoiras, só o encartado de papel, os asistentes poderán achegarse ás matemáticas desde unha nova perspectiva e coñecer, por exemplo, que é o «patrón de cicatrices» e a súa importancia á hora de deseñar novos modelos; como o origami modular constrúe corpos xeométricos ensamblando figuras de papel idénticas; ou como nas teselacións un mesmo motivo se repite numerosas veces cubrindo un plano a través de centos de pregos.

Ademais, a exposición tamén repasa as achegas dalgúns nomes relevantes no campo da papiroflexia, como o de Erik Demaine, Jeannine Mosely, Robert Lang ou a pregadora galega Covadonga Blanco, profesora de Matemática Aplicada na Universidade da Coruña e unha das principais impulsoras do grupo galego de papiroflexia, quen dedicou gran parte da súa carreira a investigar o origami como ferramenta pedagóxica para ensinar matemáticas.