ABRIL 2018 O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, recibiu da man de Carlos López Gil, representante dos herdeiros de Álvaro Gil Varela, a obra de Xesús Corredoira “Fame en Lugo”, de 1910, unha obra mestra que retrata como ninguha outra do pintor a tristura e a angustia do pobo lucense. A obra estará no Museo Provincial de Lugo onde a valía do artista o fae «poseedor» de sala propia onde estará pendurado o cadro.
Fame en Lugo é un óleo sobre lenzo de 195 x 120 cm, pintado por Corredoira en 1910 en Lugo, cunha inscrición no ángulo inferior esquerdo,: «Dícese que a fame perseguía ao pobo ata ese día Santo da Misión», que posiblemente faga referencia á Misión levada a termo en 1906 na cidade de Lugo polo bispo D. Benito Murúa.
Esta obra forma parte do movemento denominado «Rexeneracionista», que tiña como fundamento a busca do espírito da nación nas súas dúas vertentes, por un lado, a España Negra, representada por Corredoira, Solana e Zuloaga, e por outro a España Branca de Sorolla e Cecilio Pía e que levará a estes pintores a botar a vista atrás e fixarse nos grandes artistas do pasado, entre os que O Greco, na súa etapa toledana, será o escollido por Corredoira para encarnar a súa particular visión de España.
O cadro, cuxa composición nos lembra as de Zuloaga, sitúa en primeiro plano a dúas figuras; no centro, un sacerdote misioneiro, cunha gran cruz coa figura de Cristo baixoo seu brazo e á dereita, unha muller con pano na cabeza axeonllada en actitude orante
que debuxan unha diagonal dividindo o cadro en dúas partes. Á esquerda en segundo plano vemos a figura dun home axeonllado ao lado dunha bolsa. Á dereita, unha procesión de mulleres saen da cidade seguindo ao misioneiro.
Todo nesta obra está ao servizo desa espiritualidade, desde o alongamento e deformación das figuras, que son como aparicións sobre o fondo negro, os rostros branco-cerúleos sombreados en verde, e a paleta de cores frías unicamente alteradas polos panos vermellos das figuras femininas. Este lenzo retrata como ningunha outra do artista a tristura e a anguria dun pobo. Son imaxes espectrais que se sitúan nun espazo real pero deformado no que nun cubo denominado «A Mosqueira» convértese nunha espectral cara con ollos e unha gran boca por onde sae a procesión.
Xesús Rodríguez Corredoira (Lugo-1887, Santiago-1939).
Formouse na Escola Superior de Pintura de Madrid grazas a unha bolsa concedida pola Deputación Provincial de Lugo, posteriormente completou a súa formación nos talleres de Cecilio Pía e Sorolla. Foi galardoado con senllas mencións honoríficas nas Exposicións Nacionais de Belas Artes de 1908 e 1910 e cunha segunda medalla na de 1917. A súa obra está marcada por unha parte, por un carácter inmobilista, místico-relixioso, anguriado polo pecado e a morte, e por outro, o seu contorno familiar acomodado levaríao a converterse fundamentalmente en retratista da burguesía e do clero.