SARA GARCÍA
Este Nadal, en Lugo poderás seguir agasallando cultura como en anos anteriores. Compras artísticas e de artesanía para todos os gustos e todas as idades, sempre adaptadas aos protocolos ‘Covid free’. Nesta lista atoparás de todo: libros, música, cine, artesanía, ilustracións… para fomentar as compras natalicias a artistas e comercios locais. Este Nadal apoia e regala arte lucense!
CINE
Temos xa con nós o agardado DVD dun dos filmes máis belos e aplaudidos do recente cine galego e mesmo internacional: O que arde, película dirixida polo multipremiado lucense Óliver Laxe. En Lugo podes mercar o DVD na tenda Don Disco.
Chegou tamén o DVD e Bluray de A palabra xusta, o documental de Miguel Piñeiro que lle dá nome ao xogo inventado pola mestra chairega Antía Cal, unha muller pioneira na pedagoxía. Podes recibir no teu domicilio un pack que contén DVD e Bluray da película reservando en atlantis@atlantis-multimedia.com ou a través do teléfono 699963095.
En Codex Cinema, que continúa a súa aposta decidida polo cinema en galego e feito en Lugo, están a proxectar estes días o filme Ons, de Alfonso Zarauza. Un fascinante thriller psicolóxico que ten como protagonistas á aclamada actriz lucense Melania Cruz e ao magnífico Antonio Durán “Morris”. Así que xa sabes, este Nadal acode ao cinema!
MÚSICA
A música en directo é cultura segura e tamén un agasallo perfecto para este Nadal. A xente do Fa Ce La Fest tennos preparado para maio de 2021 a quinta edición do festival que tiveron que adiar este ano. De novo, contará con artistas locais e nacionais como Berta Franklin, Mujeres, Soleá Morente e incluso internacionais como The Wedding Present, entre outros moitos. Consegue os abonos a prezo reducido en Wegow.
Uns bos cantos grupos de Lugo sacaron música nova este ano. É o caso de Trinità, que acaban de lanzar o seu primeiro EP Gourmet, cheo de rock n’roll e garage punk. O disco está dispoñible en compra dixital a través da súa páxina de BandCamp.
Gancho Sanches publicaron este ano o seu primeiro disco longo, Zaquín, onde a banda chantadina transita entre sonoridades que van desde o folk ata o pop. O seu LP está á venda en BandCamp nunhas coidadas edicións en CD e vinilo, e tamén unhas bonitas láminas do mesmo.
MOURA tamén estrearon disco este 2020. Formado por músicos que proveñen doutras bandas luguesas como Guerrera ou Holywater, atopamos neste traballo un estimulante rock progresivo, cargado de psicodelia e folk galego. No seu BandCamp teñen á venda as últimas copias dos LPs e tamén camisetas.
Iván Ferro (Khmer, Ictus) é outro vello coñecido da parroquia underground lucense, que vén de arrancar con Negarte o seu proxecto individual, materializado no seu disco Ancient Shelters. O seu próximo traballo contará coa colaboración do tamén lugués Luís Casanova (Moura, Holywater). Iván rexenta
ademais o estudo de gravación Kollapse, onde coñecidas bandas da cidade como Captain Trasho ou Barbarian Prophecies están a gravar os seus álbums. Segue a Kollapse Studio nas redes para estar ao tanto e apoia esta iniciativa tan importante para a música feita en Lugo. Teñen merchan á venda. Contacta se estás interesado/a.
Os Kalte Sonne lanzaron novo material en 2019 nun split conxunto cunha banda de Shangai, Alpaca. Post Metal /Ambient lucense máis que recomendable e con proxección internacional. Faite con el en formato vinilo 12″ a través do BandCamp da banda.
A través de BandCamp podes apoiar a outros moitos grupos lucenses como Arrhythmia, Los Zorros, Clave de Fado, Untides, etc. E podes atopar tamén os seus discos en tendas físicas como Muralla Discos (Rúa Progreso, 42) e Don Disco (Rúa Camiño Real 36-38).
LIBROS
Unha boa mostra da literatura lucense é a que recolle no seu seo Pasarela Provisionales, un proxecto editorial que pretende dar voz a autores e autoras da nosa cidade como Raquel Pardo (Boticaria de Pueblo), Pablo Veiga ou Alejandro Rodríguez Robledillo. “Somos 100% Lugo, todos os procesos de
edición, impresión e distribución desenvólvense con empresas lucenses”, din desde a editora. Podes adquirir os seus libros nas librarías Balmes e Trama e consultar o catálogo na web de Pasarela Provisionales.
A artista plástica e escritora uruguaia Luz Darriba, que reside en Lugo desde 1990, vén de publicar a súa agardada primeira novela escrita en lingua galega, Abril, na que relata a ditadura militar da Arxentina, que a autora viviu na súa mocidade, e as consecuencias sociais e individuais que supuxo para toda unha
xeración. Á venda na Libraría Trama.
Se pola contra, es máis de poesía, o escritor sarriao Luís López Alonso publicou o seu primeiro libro de poemas Salífero. “Como esas figuriñas de Nadal axitadas para semellaren neve dentro; así a calixe, con nós dentro, adéntranos (apousando nun certo levigar) para un mundo cuxo arredor define o noso centro”. Pódelo adquirir na Libraría Trama ou na páxina da Editora Urutau.
Máis poesía lucense da man de Paula Varela e o seu Tempo líquido. Libro de poemas dunha autora que comeza o seu camiño literario, “na procura dun verso limpo e fondo. No cruce da paixón e do pensamento, da introspección máis sincera e na emoción máis pura”. Un poemario dunha nova voz que dará moito que falar. Os primeiros exemplares están á venda na galería Solaina. Tamén á venda na web da editorial Touxosoutos.
Outro regalo ben bonito para facer en Nadal, perfecto para nenas e nenos cantareir@s e aventureir@s, é o audiolibro OS TROTASONGS, gardacostas de cancións. O libro-cd de Iria Estévez e Gonzo Piña contén unha historia de aventuras desde unha perspectiva defensora da igualdade de xénero, o respecto á diversidade e o valor da cultura popular. Con ilustracións do noso querido fotógrafo e ilustrador lucense Iván Mouronte. Para conseguilo, escribe a iriaestevezmusic@gmail.com
Un libro que tamén se apoia na cultura popular é O feitizo de Maruja Roca de ACentral Folque, editado por Eutropio Rodríguez e con textos de Nieves Neira, a sobriña neta de Maruja Roca, a única fotógrafa de Becerreá. A través das súas fotografías, Maruja retratou, aló polos anos corenta, aos/ás becerrenses da época. O libro está á venda na libraría Trama e na web de Inquedanzas Sonoras.
ILUSTRACIÓN E ARTESANÍA
As mozas de Solaina, a galería de arte máis punk e libre de Lugo, inaugurada este verán, teñen unha tenda artística e de artesanía con multitude de creadoras de diferentes disciplinas. Solaina está na Rúa San Roque 50 e o seu horario vai de 10:00 a 14:30 polas mañás e de 16:30 a 20:00 polas tardes. Podes visitar a súa recente exposición “Salvemos la Navidad” ata o 5 de xaneiro. Para mercar obras de expos anteriores consulta a súa páxina web.
O mercado navideño «Las Casas del ARtyCo» de La Ferretería, un habitual nestas datas, conta ás portas do Nadal con decenas de produtos artesáns que participan neste mercadiño, onde podemos atopar unha ampla oferta de agasallos idóneos para estas festas. Unha selección de marcas lucenses, como
Milbrumas, EnVinissi, Sopa de Nuez, La Chapera entre outras, que van desde produtos de deseño e decoración, moda e complementos a gourmet e viños. Todo isto e máis, grazas á súa especialización en artesanía lucense, podelo atopar en El Alquimista con productos saídos directamente dos obradoiros das mellores artesás da provincia.
O ilustrador e humorista gráfico lucense Leandro Barea tamén nos ten preparadas cousiñas para este Nadal. Bótalle un ollo ao seu bazar online, onde podes atopar láminas, camisetas ou por exemplo o ideal calendario para o 2021, que reflexa perfectamente as ganas que temos de deixar atrás o 2020.
Temos máis propostas interesantes para agasallar arte lucense. Amphibia é un colectivo de artistas visuais que atopan na autoedición o seu espazo para desenvolverse. Algúns dos lugueses que conformaneste colectivo son Pía Piadosa, Fast Flus e Zune Sebastian. Podes ollear e mercar as obras destes creadores na súa tenda online.
Outra boa idea de agasallo son os bonos de Nadal que poñen a disposicións distintos comercios lucenses, como os bonos de catro sesións de Milcores para agasallar cursos de debuxo, pintura, fotografía ou deseño para todas as idades. Porque non hai mellor regalo que tempo para crear e aprender.
Este Nadal, máis que nunca, apoiemos aos nosos creadores e creadoras e regalemos arte e artesanía feita en Lugo.
Artigo de Sara García