As exposicións da Rede Museística de Lugo on line.

A Rede Museística da Deputación de Lugo está integrada polo Museo Provincial de Lugo, o Museo Provincial do Mar, o Museo Fortaleza San Paio de Narla e o Pazo de Tor. Entre os seus principais obxectivos está o ser lugares de encontro, accesibles e inclusivos, ademáis de espazos para a educación e a investigación, polo que acaban de facer un importante esforzo en internet creando unha plataforma educativa onde podemos ver a maior parte das súas exposicións on line mediante visitas inmersivas.

As visitas inmersivas aos catro museos da Rede Museística Provincial de Lugo permiten a persoas usuarias de todo o mundo acceder ás coleccións sen importar o seu emprazamento físico. Están formuladas en clave de igualdade e inclusión e xorden como resposta á necesidade de achegar os museos á comunidade. Sinalar que son posibles grazas á empresa lucense de deseño gráfico, web e comunicación visual Senmáis.

Actualmente a Rede ten abertas sete exposicións nos diferentes museos. No Museo Provincial de Lugo podemos ver as cinco mostras que integran o proxecto AMAR A MAR: MARIÑAS, MARUXAS E MARUXAINAS, mentres que no Museo-Pazo de Tor está exposta LUGODIVERSX. Na Sala de Exposicións da Deputación de Lugo podemos ver a VIII edición do PREMIO GALICIA DE FOTOGRAFÍA CONTEMPORÁNEA, premio patrocinado pola Consellería de Cultura de Galicia da Xunta de Galicia e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e co apoio da Rede Museística Provincial de Lugo.

Destas sete mostras, seis poden visitarse a través da plataforma educativa www.comunidadermpl.es