Na Casa da Cultura de Sarria, comezaron os actos de homenaxe a Xela Arias, sarriá á que se lle dedica este ano o Día das letras Galegas.
Participaron Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, ao que acompañou o Delegado Territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; o Presidente da Real Academia Galega, Victor Freixanes, e por parte do Concello de Sarria, o Alcalde, Claudio Garrido e a Concelleira de Cultura, Reyes Abella. Da familia Arias-Castaño acudiron a nai de Xela, Amparo Castaño; o fillo da homenaxeada, Darío Gil Arias, os irmáns de Xela, Marcos e Lois, e outros familiares.
Trala benvida do Alcalde abrindo o acto interveu Reyes Abella para comentar as actividades que en Sarria se van celebrar para festexar que unha sarriá sexa honrada por toda Galicia pola súa escrita e papel social. Valentín García, en representación da entidade patrocinadora desta exposición itinerante, congratulouse de que o Día das Letras deste ano se dedique a unha rapaza rompedora, que abriu camiños na escrita e
na impulsión do papel da muller, e reafirmou a decisión da Xunta de implicarse decididamente nas actividades que se van desenvolver. E o Presidente da Real Academia Galega fixo fincapé na figura de Xela, coa que traballou, o seu papel na edición e na escrita e na vixencia das súas mensaxes. No nome da familia, interveu Darío Gil Arias, fillo de Xela, nunha emocionada intervención na que agradeceu a homenaxe das Letras Galegas á súa nai, e puxo de relevo a actualidade do seu pensamento e da súa poesía.
Exposición “Aquela nena de Sarria”
Con este título, o Colectivo Egeria -do que estaban presentes Antonio Giz e Xulio Xiz, responsables da mostra- preparou unha exposición de 12 paneis nos que se abordan especialmente os anos sarriáns e lucenses de Xela Arias, con incidencia especial no tempo da Granxa-Escola de Barreiros (fundada polo financeiro Antonio Fernández), da que o pai de Xela -Valentín Arias López, destacado intelectual- era director, residindo tamén a familia na vivenda existente na escola.
Xulio Xiz foi resumindo aos asistentes os contidos da exposición, desde a orixe da familia Arias-Castaño, a súa vinculación con Barreiros e Fingoi, a loita de Xela pordefen der o seu nome galego, o seu vencello co idioma galego desde sempre, e as súas primeiras letras públicas a raíz do premio conseguido no certame de O Facho.
Destacou que sete poetas actuais sarriáns dedican a Xela os seus poemas, o mesmo que o fan alumnos e alumnas dos institutos Xograr Afonso e Gregorio Fernández de Sarria, e os membros do colectivo Nova Poesía Guitírica que aportaron once das súas “Vilariñas para Xela”. E por fin “Elas: Compañeiras de viaxe” (Maria Xosé Queizán, Yolanda Castaño, Marica Campo, Susana Trigo, Marga Do Val, Carmen Blanco, Ana Romaní, Cristal Méndez Queizán e Olga Novo) coas que Xela compartiu poemas e loitas. A exposición complétase con lembranzas de Xela -de súa nai, seu fillo, amigas, Manuel María e Arlindo López Arias- rematando coa mención ás palabras de Xela no pregón da Feira do Libro de 1989: “Quen nunca leu un libro ten defecto de fábrica”.
Poesía e Música
Esta primeira homenaxe rematou no salón de actos da Casa da Cultura, onde leron cadanseu poema de Xela o seu sobriño e as poetas sarriás Sonia Arias e Elena López González, participantes na homenaxe poética da exposición. E o escritor e músico de Sarria, Eloi Caldeiro, tamén participante na exposición, cantou con acompañamento de dous músicos tres poemas de Xela aos que puxo música e que formarán parte do disco que con letras da autora vai publicar con motivo da homenaxe de Galicia á creadora sarriá.