Lugo Cultural reforza a pegada creativa galega cun programa que reinterpreta ciclos e programas consolidados. O grupo de música antiga Serendipia Ensemble abre o luns un calendario de actuacións de 2021 que mantén os ciclos de música de cámara, experimental e en galego, ademais dos festivais de danza, teatro e certames fotográficos e audiovisuais xa consolidados, ao tempo que inclúe seminarios de debate, visitas á Domus do Mitreo e un bo número de concertos ao aire libre
Fotos de Iván Mouronte
A programación de actividades culturais promovidas pola USC xunto co Concello de Lugo e a Deputación Provincial de Lugo ao abeiro do convenio Lugo Cultural contribuirá a reforzar a pegada creativa na cidade amurallada durante este ano 2021 cun heteroxéneo calendario de actuacións que atende tanto ás disciplinas artísticas tradicionais, a través de ciclos de música de cámara, experimental e en galego, festivais de teatro e de danza, visitas patrimoniais ou, entre outros, seminarios de debate, pero que tamén atende ás novas formas de expresión gráfica e audiovisual, con certames de fotografía e videocreación, ao tempo que contempla unha primeira aproximación ao mundo dos videoxogos.
O calendario de actuacións do Lugo Cultural 2021 aposta tamén pola recuperación para usos creativos e culturais de espazos menos habituais, xa ao aire libre, xa en recintos pechados, segundo se adiantou este martes na presentación da programación de Lugo Cultural 2021 no marco dun acto no que participaron a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel; a deputada provincial delegada da área de Cultura e concelleira do Concello de Lugo, Tareixa Ferreiro, e Rafael Mallo, batería do grupo Triángulo de Amor Bizarro.
A posta de largo da nova oferta de actividades culturais impulsadas desde o Campus de Lugo da USC en colaboración co Concello e a Deputación de Lugo serviu para salientar a capacidade e os esforzos feitos durante a pandemia para dar continuidade á programación con total garantía de seguridade para a saúde das persoas. A aposta pola experimentación e a investigación no mundo das artes e o pulo ás creacións galegas e en galego que promove esta iniciativa xa consolidada como un referente da vida cultural da capital luguesa foron outras das mensaxes apuntadas na presentación.
Calendario de intervencións
O grupo de música antiga Serendipia Ensemble abrirá o luns 22 de marzo o ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’ cun concerto de frautas de pico e percusión, a partir das 20.30 horas, no Círculo das Artes de Lugo. As persoas interesadas en asistir como público ao primeiro evento do Lugo Cultural 2021 poderán solicitar as súas entradas ata as 12.00 horas do luns a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es
Dous días despois deste primeiro concerto, o grupo Triángulo de Amor Bizarro presentará, ás 20.00 horas no auditorio Gustavo Freire, o seu quinto traballo, un álbum homónimo que está nomeado ao Premio Impala ao Disco Europeo do Ano e cuxa estrea en Lugo servirá de apertura do Lubicán 2021, un ciclo no marco do que Verto traerá a Lugo o 21 de abril ‘Embora’ e que rematará o 19 de maio cun concerto de Nacho-Faia-Lar no Círculo das Artes, onde ofrecerán ao público unha ollada transgresora e contemporánea sobre o repertorio do músico portugués Zeca Afonso.
Os ciclos de cámara Músicas a carón da Mosqueira ou programas como Noites na Domus depararán ao público lugués novas oportunidades de gozar da música e do patrimonio, do mesmo xeito que ‘Sonscreativos’ permitirá viaxar xa en outono cara a música experimental. O éxito colleitado en 2020 co repertorio de concertos desde a solaina da Casa do Saber contará este ano cunha nova edición que contempla catro actuación ao longo do mes de xullo.
Outros fitos da programación do Lugo Cultural, tal e como o son o Festival de Teatro, que nesta edición se celebrará 12 ao 21 de abril e no marco do que a compañía de teatro USC-Lugo que dirixe Carmen Conde presentará ‘A emperadora’, o Encontro de Danza, o Maratón Fotográfico do Campus, ou o certame audiovisual ‘Findecurta’ e de videocreación tamén contarán con novas edicións este ano.
Una das singularidades que presenta o Lugo Cultural 2021 atinxe á reforzada aposta polos creadores locais, artistas aos que se lles ofrecerán oportunidades de dar conta do seu traballo tanto a través do ciclo ‘Na Calzada’ como no ‘Lubicán íntimo’, aos que os propios estudantes universitarios poderán facer chegar as súas preferencias, que determinarán a composición do cartel de artistas.