A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura, Maite Ferreiro, e o vicepresidente da Academia Galega do Audiovisual, Pepe Coira, presentaron a iniciativa este martes no Pazo de San Marcos, acompañados por Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA, e Mercedes Vázquez, de Airoá Comunicación, que xestionarán as proxeccións en Vilalba e Chantada, respectivamente.

Foz, Vilalba e Chantada acollerán nas vindeiras semanas os pases de “Ons” de Alfonso Zarauza, “A illa das mentiras” de Paula Cons, “Arima” de Jaione Camborda e “Lúa Vermella” de Lois Patiño, candidatas ao galardón na categoría de Mellor Longametraxe nos Premio Mestre Mateo.

Primeiras proxeccións en Foz

O ciclo de proxeccións arranca a vindeira semana en Foz. A Concellería de Xuventude, dirixida por Gema Méndez, colabora na organización dos pases, do 6 ao 9 de abril, ás 20.00 horas na Casa da Cultura.

6 de abril – Lúa Vermella
7 de abril – Arima
8 de abril – A illa das mentiras
9 de abril – Ons

A concelleira focense convidou “a reservar as entradas para as proxeccións, unha oportunidade única para desfrutar en Foz do mellor cine galego en pantalla grande. A entrada será gratuíta pero con reserva previa, para cumprir coas limitacións de capacidade e garantías sanitarias. As persoas que queiran asistir teñen que anotarse a través do teléfono 982133037”.

Nos vindeiros días concretaranse as proxeccións en Vilalba e Chantada, prevista para o mes de maio.

“Desde a Vicepresidencia da Deputación presentamos esta nova actividade de apoio ao sector audiovisual galego, en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual e con asociacións e concellos, que facilitan as proxeccións en diferentes espazos culturais. É a primeira vez que desde a institución provincial se aposta por unha iniciativa coma esta, que contribuirá á difusión e ao recoñecemento do cine feito no país”, expuxo Maite Ferreiro.

A deputada de Cultura incidiu na aposta por “espallar as actividades culturais polos concellos e comarcas, para que o lugar de residencia non
exclúa do acceso a unha cultura de calidade e con todas as garantías”.

Pepe Coira explicou que “a iniciativa concorda co obxectivo dos Mestre Mateo que, máis aló dunha gala na que destacar o traballo dunha obra ou duns creadores, pretenden ser un escaparate para o conxunto do audiovisual galego. Este ciclo permítenos dar a coñecer e poñer en valor o que se está a facer, especialmente nun ano coma este no que a pandemia condicionou a actividade nas salas comerciais”.

“Desafortunademente, explicou, aconteceu o contrario coas salas de cine, que foron desaparecendo das vilas e localidades e concentrándose nas capitais”. A este respecto, reivindicou as proxeccións en espazos culturais como alternativa para desfrutar do cine de forma colectiva, como complemento ao consumo individual ao que parece que estamos abocados”.