A plataforma dixital estreou a segunda temporada deste proxecto audiovisual que inclúe seis episodios rodados en localizacións da provincia de Lugo, como a Ribeira Sacra, o Pazo de Adai ou a capital lucense
Está rodada en galego, subtitulada en máis de 30 idiomas e pódese ver en 190 países. Na súa primeira temporada situouse no top 10 de popularidade oficial desta plataforma
A Deputación de Lugo impulsa a proxección internacional da provincia colaborando economicamente coa produción da segunda temporada de O Sabor das Margaridas, a primeira serie galega incorporada á plataforma audiovisual Netflix.
Nesta segunda temporada a provincia de Lugo ten un papel protagonista ao aparecer como escenario paraxes lucenses como a Ribeira Sacra, o Pazo de Adai, no Corgo, ou a capital lucense.
O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, subliña que colaborar con O Sabor das Margaridas, da produtora galega CTV, supón unha gran oportunidade para a proxección internacional da riqueza paisaxística e cultural da provincia. “É un xeito moi efectivo de dar a coñecer a nosa terra, de incentivar o turismo”, asegurou. Os galegos e galegas xa puideron desfrutar desta segunda temporada ao estrearse o ano pasado desta segunda entrega na Televisión de Galicia, acadando moi boa acollida entre a audiencia.