LUGOMAXICO 2018

ABRIL 2018 A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, o Deputado de Deportes, Mocidade e Innovación, Pablo Rivera, e os magos Rafa e Teto, presentaron este luns, no patio central do Vello Cárcere, a XV Semana Internacional de Maxia en Lugo-Lugo Máxico, que se celebrará do 6 ao 12 de maio.

Esta XV Semana Internacional de Maxia de Lugo oferta unha programación para públicos de todas as idades, e achegará unhas corenta actividades á cidadanía nos seguintes lugares: na Praza Maior, nas escola infantís da Piringalla, Serra de Outes, Gregorio Sanz e Sanfiz; no Auditorio Municipal Gustavo Freire e nas ociotecas do Uxío Novoneyra , A Milagrosa e Maruja Mallo; así como no MIHL, no Mercado Municipal, no Mesón do Forno, no Centro de día Antonio Gandoy, nas Casas das Linguas de Acea de Olga e da Piringalla, no Vello Cárcere, no HULA, na Ponte Romana e no Hospital de Calde, así como na Praza da Milagrosa, Porta Miñá e na Praza do Castiñeiro.

Nela participarán 19 magos e magas de todo o territorio nacional e internacional, de Francia, Venezuela, Alemaña ou Arxentina. Ademais, haberá maxia nos colexios.

lugomaxico2018

O festival Lugo Máxico arrincará o domingo 6 cunha gala inaugural que terá lugar no Auditorio Municipal, a partir das 18:00 horas. Trátase dun espectáculo familiar de ventriloquía único en España, cargado de enerxía, Got Rock, basado nun programa de televisión de música, onde o público será o encargado de decidir quen é o ou a mellor cantante. As entradas xa poden adquirirse en www.entradaslugo.es. Tamén se poderán mercar nas propias instalacións do auditorio dende unha hora e media antes do espectáculo, cun prezo de 5 euros.

Contempla tamén outras dúas galas, que terán lugar no Auditorio Municipal Gustavo Freire. A unipersoal, o 11 de maio, co mago-músico zaragozano Pepin Banzo, a petición do público deste festival; e a Gran Gala Internacional, o 12 de maio, a partir das 21:00 horas. O ilusionista Norbert Ferré, gañador, no ano 2003, do Congreso Internacional de Magos, presentará este último espectáculo que conta coa participación, por primeira vez, de 6 magos: Charlie Mag, que traballa en xiras por Estados Unidos e que ofrecerá «un espectáculo clásico cunha volta de tuerca», en palabras do Mago Teto; Henry Evans, proclamado campión mundial de cartomaxia, Dani Polo; que dará a coñecer un número moi fresco -premiado no Congreso Nacional de Maxia- inspirado nas praias de Galicia; Huang Zheng, que chega dende China para facer unha representación onde vai combinar a danza ancestral oriental con toques flamencos, facendo maxia de grandes aparatos; Manolo Costa e Mindanguillo, cun número de maxia cómica, que serán unha das representacións nesta edición do Congreso Internacioanl de Maxia, e Katrin Weisensee, cun número sopresa. 

As entradas xa poden adquirirse en www.entradaslugo.es por un prezo de 10 ou 8 euros, dependendo da zona, ata 3 horas antes de cada función, así como no Centro de Interpretación da Muralla. Os mesmos días das galas tamén se poderán adquirir no propio auditorio dende 90 minutos antes do comezo do espectáculo.

Podes consultar a PROGRAMACIÓN día a día nos seguintes enlaces de Viva Lugo: – pendente – 

Máis información en  www.lugomaxico.es ou enwww.lugo.gal

ACTO DE PRESENTACIÓN

No acto de presentación, Carmen Basadre puxo en valor a traxectoria do Lugo Máxico, considerado un dos festivais de maxia máis importantes de Europa, e agradeceu o traballo do Mago Rafa e do Mago Teto por estes quince anos enchendo a cidade de maxia e ilusión. Basadre tamén animou aos veciños e veciñas a disfrutar desta semana da maxia, que inclúe unha parte social, pois ofrecerá actuacións en hospitais, o centro de días ou ociotecas

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
Fonte: Gab. Com. Concello

Pola súa banda, Pablo Rivera felicitou ao Concello por esta iniciativa que cumpre quince anos, «o que demostra que se están facendo ben as cousas»; ao tempo que subliñou a importancia da arte escéncia da maxia para todos os públicos, que enche ademais a ampla axenda cultural de Lugo. 

Para rematar, o Mago Rafa agradeceu ao Concello e á Deputación que sigan apoiando e apostando por este festival, cuxo obxectivo, dende o primeiro ano, é chegar coa maxia ao máximo número de sitios posibles.