Os docentes e investigadores da USC no Campus Terra interesados en participar como relatores no DivulgaTerra ‘Petiscos de divulgación científica’ poden formalizar a súa inscrición en liña ata o 17 de outubro.
O evento desenvolverase ao longo do mes de novembro
O Servizo de Normalización Lingüística da USC e a Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo promoven unha nova edición do ciclo DivulgaTerra ‘Petiscos de divulgación científica’, un evento aberto á participación de docentes e investigadores da USC ligados ao Campus Terra que se desenvolverá ao longo do mes de novembro na Casa do Saber.
A sexta edición do DivulgaTerra, un evento de divulgación das liñas e proxectos de investigación que se están a desenvolver no Campus Terra da USC, mantén a mesma estrutura de anos anteriores. Daquela, este programa artéllase arredor dun conxunto de presentacións de 10 minutos de duración, organizadas en sesións temáticas, nas que pode participar calquera investigadora ou investigador do Campus que queira presentar en galego e cun ton divulgativo o seu ámbito de investigación ou traballo concreto que está levando a cabo.
As persoas interesadas en tomar parte como relatoras poden formalizar a súa inscrición de balde ata o 17 de outubro a través do formulario xa habilitado en liña.
Logo dun lustro de experiencia acumulada e despois de preto 90 charlas e pósters presentados por ducías de investigadoras e investigadores, DivulgaTerra 2021 ofrece ás persoas participantes a posibilidade de tomar parte de balde nun obradoiro de divulgación científica que será impartido por Andrea Muras, finalista da edición 2019 do certame FameLab España. Este taller está estruturado en 8 horas de formación e desenvolverase a finais de outubro e principios de novembro.
As persoas que tomen parte como relatores nesta nova edición do ciclo DivulgaTerra ‘Petiscos de divulgación científica’ recibirán un diploma acreditativo da súa participación neste evento, cuxos organizadores recollerán nun volume resumos de todas as charlas e pósters presentados. As intervencións tamén serán gravadas para a súa posterior publicación a través das RRSS do Campus Terra da USC.