Desde este 1 de novembro entra en acción a iniciativa Bono Cultura da Xunta de Galicia, unha campaña para a recuperación do sector cultural pola cal se poderán mercar as entradas de Codex Cinema á metade de prezo, ata un máximo de cincuenta euros. Despois de completar o rexistro na web www.bonocultura.gal simplemente terás que descargar a aplicación móbil e activar o teu bono que terá efecto para librerías, concertos e outras actividades culturais.

«As fantasías» o filme dirixido polos franceses David y Stéphane Foenkinos (autores de comedias francesas de gran reputación como Algo celosa ou A delicadeza.), que se estrea esta semana en Codex Cinema, amosa as diferentes caras da guerra de sexos nun sorprendente filme coral.

Para a súa nova aventura contan cun reparto no que se atopan as estrelas máis importantes do cinema francés como Ramzy Bedia, Nicolas Bedos, Denis Podalydès ou Céline Sallette, ademais de consolidadas figuras internacionais como Monica Bellucci, Carole Bouquet e Karin Viard (vista recentemente en Codex en As apariencias).

Este traballo inspírase nun filme australiano de 2014 titulado A pequena morte, de onde extrapolaron escenas con grandes posibilidades de cruzar as fronteiras e de facer comedia tratando diferentes tabús de homes e mulleres nas súas relacións de parella. 

Para iso, os irmáns Foenkinos buscaron información de profesionais e levaron a cabo unha investigación para compilar unha lista de case 250 fantasías buscando ser o máis realistas posibles. Ao final, de todas elas escolleron seis, coas que deron forma ás diferentes historias da película. Por incongruentes que sexan as situacións nas que se atopan as personaxes, os cineastas buscaron acceder a eles a partir da empatía.

O que desde o prexuízo poden parecer “desviacións” ou condutas intolerables, para os irmáns Foenkinos non é máis que material dramático coas que construír historias humanas onde todos os espectadores poden verse reflectidos. Historias da vida cotiá que se non se manifestan é pola mirada conservadora e anticuada que se ten sobre o sexo e a intimidade de parella.