Expo da loita das mulleres contra o fascismo: "Mulleres resistentes" en O Vello Cárcere de Lugo

A exposición Mulleres Resistentes, organizada pola ARMH en O Vello Cárcere, fai un percorrido da loita que levaron a cabo as mulleres contra o fascismo.

Unha loita que a miúdo é esquecida pola historiografía, pero sen a cal é imposible entender os movementos de resistencia acontecidos na Europa do século XX.

Con esta exposición preténdense dar a coñecer a varias das mulleres que loitaron contra o fascismo a través das armas, da arte, dos coidados, ou resistindo en campos de concentración e cárceres. Realizando deste xeito, un mapa da memoria da resistencia en Europa

As resistentes galegas Enriqueta Otero, as irmáns Touza, ás irmáns Fandiño Ricart ‘As Marías’, Consuelo Rodríguez ‘Chelo’, Placeres Castellanos, Mercedes Núñez, María Vázquez Blanco ou María Casares, forman parte da memoria das resistentes que percorre a mostra.
A exposición comezou a súa itinerancia en outubro en Francia, puido verse en Madrid en novembro e despois de exhibirse en Lugo viaxará durante o 2022 a Italia, Alemaña, Croacia, Bélxica e Portugal.
 
A información e a itinerancia pode seguirse na web mujeresresistentes.eu
 

En O Vello Cárcere durante todo o mes de decembro ata o 5 de xaneiro.